Nova: A Xunta reforzará máis dun 23% o investimento en patrimonio cultural no novo ano Xacobeo
28/12/2021
A Xunta reforzará máis dun 23% o investimento en patrimonio cultural no novo ano Xacobeo
Farase especial fincapé no Plan Catedrais, os xacementos arqueolóxicos, bens etnográficos e os BIC do Camiño
Desde 2015 realizáronse máis de 750 actuacións de conservación
As actuacións desenvolvidas en Monforte enmárcanse no traballo levado a cabo na Ribeira Sacra onde se están a investir máis de 4,5 millóns de euros no eido patrimonial
Monforte de Lemos, 28 de decembro de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o avance das obras de rehabilitación que o seu departamento está a acometer no Colexio de Nosa Señora da Antiga (tamén coñecido como Colexio do Cardeal), en Monforte de Lemos, onde lembrou que a Xunta de Galicia vai reforzar en 2022, con ocasión do segundo ano Xacobeo, o investimento en patrimonio cultural.
En concreto, os orzamentos do Goberno galego contemplan un incremento do 23,5% nestas partidas, a través do que se executarán varias das accións previstas no novo Plan Catedrais, no Plan BIC dos Camiños de Santiago e na Ribeira Sacra. Así mesmo, lanzarase un plan de apoio para que os particulares poidan emprender a rehabilitación de bens etnográficos e duplicaranse as axudas en xacementos arqueolóxicos.
Tal e como sinalou o conselleiro, a consignación de fondos do próximo ano vén confirmar o compromiso do Goberno galego coa recuperación dos bens patrimoniais máis senlleiros de Galicia. Non en balde, desde 2015 a Xunta realizou en máis de 750 actuacións de conservación en preto de 170 concellos de toda Galicia.
Máis de medio millón de euros en Monforte
No referido a Nosa Señora da Antiga, o conselleiro destacou un investimento de máis de medio millón de euros por parte da Xunta de Galicia para a recuperación do esplendor artístico deste conxunto na capital da Ribeira Sacra.
O titular do departamento de Cultura do Goberno autonómico comprobou o avance dos traballos de restauración dos retablos de Nosa Señora das Escolas Pías e San Xosé de Calasanz e explicou que está prevista tamén a dos de Santo Cristo, San Xosé, Virxe das Dores, Virxe de Fátima, Santo Antón e a Adoración dos Reis, xunto co púlpito e o tornavoz. Ata o momento os lotes correspondentes a estes últimos retablos quedaron desertos, pero a Consellería está a traballar para volvelos sacar a licitación no primeiro trimestre de 2022. En total o importe da licitación ascende a preto de 90.000€.
Os traballos incluirán a limpeza, eliminación de elementos alleos, desinsectación, consolidación da madeira ou a reintegración cromática e de volumes, entre outros.
Mellora das estruturas
Esta actuación súmase ao proxecto de conservación e rehabilitación na igrexa, claustro e áreas de visita pública tras declaración do conxunto Ben de Interese Cultural (BIC) por parte da Xunta, e que supoñen un investimento de 420.000€. Tal e como explicou o conselleiro, estas obras están moi avanzadas e a previsión é rematalas no mes de xaneiro.
A intervención permitiu solucionar problemas estruturais que a igrexa sufría, como as gretas provocadas polo terremoto de Lisboa de 1755 e a fisura do muro do presbiterio. Así mesmo substituíuse a cuberta de tella da zona do presbiterio e consolidouse a bóveda deste espazo, entre outros traballos.
A maiores, aplicouse un tratamento de desinsectación do pavimento e dos elementos mobles da igrexa e efectuáronse pequenas actuacións nas carpinterías do tambor da cúpula para evitar a entrada de auga máis importante.
O investimento feito neste inmoble forma parte do traballo levado a cabo na Ribeira Sacra cun forte compromiso inversor de 4,5 millóns de euros nunha trintena de actuacións nos últimos anos dentro da candidatura a Patrimonio Mundial.