Nova: Catro producións e dous actores galegos, candidatos aos Goya 2015
06/02/2015
Catro producións e dous actores galegos, candidatos aos Goya 2015
O director da Agadic asiste á entrega destes galardóns, na que o noso sector audiovisual estará representado en diferentes categorías
Santiago, 6 de febreiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiará mañá na gala da vixésimo novena edición dos Premios Goya os profesionais galegos que optan a galardón en moi diferentes categorías. En nome da Consellería, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, asistirá ao evento organizado en Madrid pola Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España e no que catro fitas con participación galega aspiran a conseguir estatuíña.
Entre elas, atópanse dúas producións que contaron para a súa realización cunha achega económica por parte da Consellería. É o caso de ‘A tropa de trapo na selva do arco da vella’, de Abano Producións, que é candidata ao premio de mellor película de animación e que foi subvencionada a través da convocatoria de axudas da Agadic a producións e coproducións audiovisuais, na modalidade de longas de animación.
Pola súa banda, Ignacio Vilar e Carlos Asorey están nomeados na categoría de mellor guión adaptado por ‘A esmorga’, producida por Vía Láctea Films co apoio de Cultura e Educación e da Televisión de Galicia. Esta fita obtivo subvención dentro da liña de apoio á produción de longametraxes cinematográficas en lingua galega.
Ademais, na categoría de mellor curtametraxe de animación española foi nomeada ‘Sangre de unicornio’, do coruñés Alberto Vázquez, mentres que a película ‘El niño’, con participación da produtora galega Vaca Films, acadou un total de 16 candidaturas, incluíndo a de Raquel Fidalgo e Noé Montes a mellor maquillaxe e perruquería.
No referido aos intérpretes, o ferrolán Javier Gutiérrez foi seleccionado na categoría de mellor actor protagonista por ‘La Isla Mínima’, mesmo filme polo que a santiaguesa Nerea Barros é candidata a mellor actriz revelación.