Nova: A Xunta prevé rematar en febreiro as obras de restauración do santuario de Nosa Señora das Virtudes de Arante, en Ribadeo
08/01/2022
A Xunta prevé rematar en febreiro as obras de restauración do santuario de Nosa Señora das Virtudes de Arante, en Ribadeo
A actuación céntrase en atallar as patoloxías que causan a entrada de auga no templo
Afonda na obra de urxencia acometida hai uns meses para solucionar parte das humidades
Ribadeo (Lugo), 8 de xaneiro de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, vén de visitar o santuario de Nosa Señora das Virtudes de Arante, en Ribadeo, onde comprobou o avance dos traballos de restauración que o seu departamento está a acometer, cun investimento de 183.000€. Tal e como explicou, está previsto rematar estas melloras en febreiro.
O obxectivo principal da actuación é solucionar as humidades que estaban a deteriorar os paramentos interiores, afectando ás pinturas murais do santuario. Esta intervención súmase e afonda na actuación de urxencia acometida polo Goberno galego hai uns meses para restaurar algunhas pinturas afectadas pola humidade.
A obra en execución na actualidade pretende atallar as patoloxías que causaron estes danos. Para iso, acométese a substitución da cuberta de lousa, canlóns e baixantes e a renovación do falso teito de madeira de castiñeiro. Así mesmo, renóvanse os acabados dos paramentos exteriores con morteiro de cal e instálanse novas carpinterías e un sistema de luces de tecnoloxía led que mellore a iluminación ornamental das pinturas, entre outros traballos.
A actuación inclúe tamén a retirada da escada exterior de acceso ao campanario, unha das principais vías de entrada de auga. Este elemento non é orixinal, senón que se engadiu non anos 90 do século pasado, polo que a súa eliminación non supón unha alteración do conxunto.
Ben catalogado
O santuario de Arante, dos séculos XVI e XVII, ten a consideración de Ben Catalogado Inventariado, co grao de protección II. Ademais, esta igrexa de estilo renacentista contén elementos únicos en Galicia, como son as pinturas murais de temática mariñeira, que datan do século XVI.
A igrexa ten relevancia cultural e histórica, como se lembra na Romaxe das Cruces, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, e que cada ano convoca aos veciños e veciñas de sete parroquias de Ribadeo e Trabada para conmemorar a vitoria sobre as tropas napoleónicas.