Nova: Arranca en Santiago o novo proxecto cultural apoiado pola Xunta que promove a obra do escultor Ramón Conde no marco do Xacobeo
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
14/01/2022
Arranca en Santiago o novo proxecto cultural apoiado pola Xunta que promove a obra do escultor Ramón Conde no marco do Xacobeo
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou na inauguración da primeira das catro mostras previstas sobre este artista
Inclúe pezas de grandes dimensións, que poderán visitarse ata o mes de marzo
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe a primeira das catro exposicións do proxecto cultural que promoverá a obra do artista Ramón Conde durante este ano. Trátase, como expresou, dunha iniciativa apoiada pola Xunta e froito dun “compromiso común para divulgar a importancia da arte e da escultura galega a través dun dos nosos principais escultores”.
Neste sentido o titular de Cultura puxo en valor “o vigor e imaxinería” de Ramón Conde que “merece un escaparate como o Ano Xacobeo, á altura da súa calidade”. Sinalou, ademais, que esta iniciativa dá continuidade ao apoio do Gobenro autonómico á arte a través do fomento de exposicións que divulguen e promocionen o traballo feito en Galicia.
“Santiago terá a oportunidade de gozar de primeira man da produción deste artista ourensán, cuxas obras fican xa en parte de Galicia e fóra dela”, indicou recordando que se trata “dun dos mellores embaixadores da creación galega”.
Este proxecto cultural xurde da colaboración da Xunta de Galicia co Casino de Santiago, o Goberno municipal, a Asociación Comercio Punto Compostela, o instituto IES de Sar e o propio artista e inclúe ata catro exposicións no Casino durante este ano. A primeira dela inclúe grandes pezas do artista, que poderá visitarse ata o vindeiro mes de marzo.
Escultor referente
Ramón Conde é un dos máis destacados talentos creativos galegos dos últimos anos. É autor de obras públicas como os bustos de Valle-Inclán e Alfredo Suárez Ferrín na Coruña, a de Pablo Iglesias Posse en Ourense ou de Manuel Antonio en Rianxo, entre outras. Os traballos de Conde teñen viaxado tamén a galerías de Francia, de Alemaña, de México ou de Estados Unidos.