Nova: Obras de conservación na igrexa de San Pedro de Soandres, na Laracha

08/02/2015

Obras de conservación na igrexa de San Pedro de Soandres, na Laracha

O obxectivo é solucionar os problemas de humidades que padece o templo anexo ao mosteiro beneditino

Esta actuación completa as obras de restauración realizadas en anos anteriores pola Xunta de Galicia, que supuxeron un investimento total de 461.149,18 euros
 

  • Igrexa de San Pedro de Soandres Igrexa de San Pedro de Soandres

A Laracha (A Coruña), 8 de febreiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, iniciará proximamente as obras para a conservación da igrexa de San Pedro de Soandres, na localidade coruñesa da Laracha. A intervención, que suporá un investimento de 175.223,37 euros, centrarase na eliminación das humidades que padece a igrexa. Esta actuación completa as obras de restauración realizadas en anos anteriores pola Xunta de Galicia, que supuxeron un investimento total de 461.149,18 euros.

Con este forte investimento renovaranse os revestimentos interiores de cal, limparanse os paramentos de cantería polo interior dos muros das ábsidas e realizaranse novos encintados con morteiro de cal polo interior dos muros de cantería da nave norte e ábsidas. Así mesmo mellorarase a ventilación do templo mediante a construción dunha banda de aireación perimetral na base dos muros e piares; e instalaranse cortaventos nas entradas da igrexa. Os traballos nos muros das ábsidas requirirán o desmontado parcial dos retablos e imaxes e a súa protección, previa documentación dos mesmos, e posterior montaxe unha vez rematados os traballos.

Por outra parte, repararanse algúns dos danos ocasionados pola humidade, saneando o superficie interior do entaboado de madeira da cuberta e colocando novas carpinterías nalgunhas partes do edificio. Asemade realizarase unha adecuación da iluminación interior da igrexa.

‘O Convento’
A igrexa gótica de San Pedro de Soandres é coñecida popularmente como ‘O Convento’. O templo é de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas poligonais que ao exterior están coroados por canzorros de factura románica, ao igual que os do muro norte, posibles reliquias dunha construción anterior. En cada unha das capelas absidais vemos o seu correspondente baldaquino do século XVIII. Apegados aos muros laterais levántanse dous altares de pedra, nas que se poden contemplar dúas pequenas tallas das mesmas características, que representan a Santa Marta e a Santa Lucía. No altar da dereita chama a atención unha figura de pedra policromada de aspecto rústico, unha imaxe de Santa Marta, procedente da derrubada capela situada no monte de mesmo nome.

Aínda que datado no século XVI, o templo presenta algúns restos románicos e incluso anteriores que fan pensar nunha orixe anterior, dado que o propio mosteiro xa aparece documentado nos séculos X e XI.
 

Comparte