Nova: Cinco profesionais da cultura poderán completar os seus estudos en EEUU ao abeiro do programa de bolsas da Xunta e a Comisión Fulbright
26/01/2022
Cinco profesionais da cultura poderán completar os seus estudos en EEUU ao abeiro do programa de bolsas da Xunta e a Comisión Fulbright
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 24 de marzo
Diríxese ás persoas vencelladas ás áreas de artes audiovisuais, escénicas, plásticas e visuais, á música e musicoloxía, á museoloxía e conservación do patrimonio e á xestión cultural
Estas bolsas redundarán tanto na mellora da calidade do traballo das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2022.- Cinco profesionais galegos da cultura poderán completar a súa formación nos Estados Unidos ao abeiro do programa de bolsas convocado pola Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright. Trátase da segunda edición destas axudas, que converteron a Galicia na primeira comunidade autónoma en subscribir un acordo destas características con esta comisión.
Poderán participar nesta iniciativa as persoas que teñan conexión con Galicia por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 24 de marzo e deberán completarse no web da entidade.
Os beneficiarios realizarán estadías de formación académica, de investigación artística ou de desenvolvemento de proxectos cun sólido compoñente investigador nas áreas de artes audiovisuais, escénicas, plásticas e visuais, á música e musicoloxía, á museoloxía e conservación do patrimonio e á xestión cultural. As estadías terán unha duración de entre 6 e 12 meses e realizaranse entre xuño de 2022 e decembro de 2022.
A convocatoria ten como obxectivo redundar tanto na mellora da calidade do traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional. Así mesmo, contribuirán a promocionar e divulgar o patrimonio e a cultura de Galicia.
Ademais da anterior edición desta convocatoria, da que se beneficiaron outros cinco profesionais da cultura, nos últimos trinta anos participaron en iniciativas da Comisión Fulbright outra decena de profesionais que supoñen un exemplo de excelencia académica, creativa e profesional como o artista Francisco Leiro, o pintor Din Matamoro ou a dramaturga Fefa Noia.
Cobertura
O orzamento total da convocatoria ascende a preto de 200.000€, dos que a Xunta de Galicia achega case o 75%. As bolsas estarán destinadas a gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa banda, a achega da Comisión Fllbright cubrirá os gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros.
Así mesmo, será Fulbright a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros. Deste xeito farase cargo da xestión de visados, de ofrecer sesións de orientación en España e de facilitar unha rede de apoio nos Estados Unidos. Ademais, os bolseiros poderán participar en seminarios culturais e científicos organizados por Fulbright e, unha vez rematada a súa estadía, formarán parte da rede de antigos alumnos Fullbright do U.S. Department of State.