Nova: A Cidade da Cultura transfórmase en sala de cine con máis de 80 curtametraxes no festival Pequefilmes
29/01/2022
A Cidade da Cultura transfórmase en sala de cine con máis de 80 curtametraxes no festival Pequefilmes
O público infantil que asiste ás proxeccións esta fin de semana no Gaiás é tamén o xurado que cos seus votos decidirá cales son os mellores filmes desta sexta edición
O festival programa pezas de animación e imaxe real de todos os xéneros e estilos para nenas e nenos a partir dos 3 anos de idade
Pódese seguir tamén a través da plataforma Festhome
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2022.- A Cidade da Cultura acolle hoxe e mañá a sexta edición de Pequefilmes, o festival de curtametraxes organizado pola Xunta no que as nenas e nenos son o público principal e tamén o xurado encargado de valorar os máis de 80 filmes que se proxectan no Gaiás. Os auditorios 1 e 2 do Edificio CINC transfórmanse en salas de cinema para ver en pantalla grande o mellor cinema internacional para o público infantil.
O festival organízase en dúas seccións: Miñocas, para nenas e nenos a partir dos 3 anos, e Fanecas, a partir dos 7 anos. Ademais, a selección desta edición inclúe dúas programacións especiais, fóra de concurso, realizadas en colaboración co prestixioso Festival Clermont-Ferrand e co festival galego de cine escolar Olloboi.
Cunha programación que abrangue todos os estilos e xéneros, tanto en animación como en imaxe real, a Cidade da Cultura aposta un ano máis por ofrecer cinema de calidade para o público miúdo máis esixente e por cultivar o gusto polo audiovisual e a ollada crítica desde idades temperás. Neste sentido, será o público asistente ao festival nos días 29 e 30 de xaneiro quen decida cos seus votos cales son as mellores curtametraxes de Pequefilmes 2022, no que participan obras procedentes de máis de 20 países.
Producións dos cinco continentes
Os filmes seleccionados entre as máis de 300 propostas recibidas inclúen producións dos cinco continentes, desde Australia e Corea do Sur ata Colombia e Brasil, pasando por países cunha longa tradición na creación de cinema infantil e de animación como Rusia, Francia ou os Estados Unidos. A representación galega este ano vén da man de Atopando o Camiño, dirixida por Andrés Castro e María Fanjul e protagonizada polo alumnado do colexio CEIP Parada-Campañó (Pontevedra).
Para levar Pequefilmes máis aló do Gaiás e que as nenas e nenos de toda Galicia e de España poidan sumarse ao festival, apóstase por manter un formato híbrido, con sesións presenciais e en liña. Unha iniciativa que tivo boa acollida na pasada edición e que este ano se consolida como unha opción máis para gozar do festival.
As entradas para ver as curtametraxes en pantalla grande na Cidade da Cultura poden adquirirse, desde 3 euros por sesión, en Ataquilla.com e na billeteira do Museo Centro Gaiás. Para ver Pequefilmes na rede, os pases están á venda a través da plataforma Festhome ao mesmo prezo por sesión, coa posibilidade de adquirir tamén un bono a un prezo de 25 euros para todo o festival.
Pequefilmes encádrase nas actividades culturais para todos os públicos e especialmente pensadas para as familias que promove a Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Nesta edición colaboran tamén o Festival Clermont-Ferrand, o Festival Olloboi, e Gadis, que patrocina un dos premios do certame.