Nova: Feijóo lembra a pegada de Castelao na formación dun galeguismo integrador e plural e enxalza a súa figura como patrimonio común de todos os galegos

30/01/2022

Feijóo lembra a pegada de Castelao na formación dun galeguismo integrador e plural e enxalza a súa figura como patrimonio común de todos os galegos

Subliña que no recordatorio que fai Castelao de que hai sitio para todos está encerrada a chamada a un galeguismo no que podemos estar xuntos e conversar

“Coa constitución da autonomía Galicia deixou de ser espectadora do seu rumbo para converterse en partícipe do seu destino con voz e voto”, di

Recorda que as democracias perden calidade cando os soños dalgúns son confundidos cos soños de todos ou cando os soños se converten en utopías inalcanzables que só deixan efectos traumáticos e fractura social

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2022.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, lembrou hoxe nun acto en homenaxe a Castelao a súa pegada na formación dun galeguismo integrador e plural e enxalzou a súa figura como patrimonio común de todos os galegos. A este respecto, explicou que no recordatorio que fai Castelao de que hai sitio para todos está encerrada a chamada a un galeguismo no que podemos estar xuntos e conversar.

“O autogoberno eleva a Castelao como un galego eterno, unha figura que nos conecta coa nosa traxectoria histórica e nos guía hoxe en día”, salientou, recordando que temos a sorte de contar en Galicia cunha chea de persoeiros que non admiten ningunha “privatización”.

Nese sentido, fixo alusión a eternidade compartida con outros insignes galegos que repousan canda el no Panteón de Galegos Ilustres e tamén fóra e aos que lle debemos “un país máis grande, unha Galicia diversa na que poden convivir en harmonía ideas e pensamentos”.

Durante a ofrenda floral, Feijóo tamén recoñeceu que a heroicidade dos galegos consistiu en recoller o testemuño de Castelao e dos ilustres do Partido Galeguista para reeditar aquela arela autonómica quebrada pola Guerra Civil. “Coa constitución da autonomía Galicia deixou de ser espectadora do seu rumbo para converterse en partícipe do seu destino con voz e voto”, engadiu.

Ao fío disto, insistiu novamente na idea de que as democracias perden calidade cando os soños dalgúns son confundidos cos soños de todos, cando proliferan os intérpretes únicos dos desexos do pobo ou cando os soños se converten en utopías inalcanzables que só deixan efectos traumáticos e fractura social.

Comparte