Nova: A Xunta demanda ao Goberno central a posta en marcha dun PERTE cultural que recoñeza o peso do sector na economía e contribúa ao seu fortalecemento

02/02/2022

A Xunta demanda ao Goberno central a posta en marcha dun PERTE cultural que recoñeza o peso do sector na economía e contribúa ao seu fortalecemento

Román Rodriguez chama a traballar unidos para aproveitar esta “oportunidade estratéxica de impulsar unha cultura mellor, unha cultura de vangarda que ten demostrado o seu peso na actividade económica do país”

Abre un proceso participativo co sector, institucións e administracións públicas no que consensuar un documento para envialo en abril ao Goberno central

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, acompañado polo seu equipo e polo director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe no Foro Proxectos culturais e fondos europeos, un encontro no que se estableceron vías de traballo e diálogo co sector para canalizar o reparto dos fondos Next Generation. No marco desta reunión, o representante da Xunta de Galicia demandou ao Goberno central “a posta en marcha dun PERTE cultural que recoñeza o peso deste sector na economía e contribúa ao seu fortalecemento”.

En opinión do titular autonómico de Cultura, ferramentas como os Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE), que xa se están levando a cabo cos fondos europeos noutros sectores, deben chegar tamén á cultura, un ámbito “que ten demostrada a súa resiliencia e o seu peso na actividade económica do país.

“Queremos aproveitar esta oportunidade para impulsar unha Galicia mellor e unha cultura mellor, unha cultura de vangarda que reforce e fortaleza o sector”, declarou Román Rodríguez. “Detectamos unha vocación clara por parte do sector cultural de mellorar a súa competitividade e sustentabilidade”, apuntou o conselleiro, que observa na creación dun PERTE da cultura en España -mecanismo ata agora inexistente e que Galicia considera necesario- o xeito máis adecuado de “enfocar a transformación dixital, o reforzo dos procesos de creación e de produción, das canles e programas que favorezan a distribución e a súa internacionalización da cultura galega”.

Felicitación ao sector polo seu labor

Román Rodríguez puxo en valor o camiño percorrido polo sector cultural galego -que antes da pandemia supoñía un 3% do PIB galego e un 3,6% do emprego- e o seu labor ante a covid: “Fostes quen de dar o mellor de vós mesmos”, afirmou sobre unha situación que a Xunta acompañou con medidas e plans de reactivación que posibilitaron que os indicadores sobre a conxuntura económica da cultura remontasen. De feito, segundo os últimos datos do Consello da Cultura Galega, no segundo trimestre do ano pasado Galicia superou o número de traballadores cos que contaba o sector cultural en 2019 e a nosa Comunidade é unha das catro que incrementou a súa masa laboral nesta industria.

Por iso, considera clave un reparto equilibrado dos fondos dispoñibles entre todos os sectores e amosou a disposición de Galicia para colaborar na elaboración deste PERTE cultural e crear así unha “estratexia conxunta a nivel estatal” que dea continuidade ao traballo da Comunidade e avance nunha verdadeira transformación e reconstrución.

Neste sentido, Román Rodríguez referiuse á “oportunidade estratéxica” que supoñen os fondos europeos en Galicia con proxectos xa en marcha e outros deseñados para optar a futuras convocatorias. Así, estanse desenvolvendo accións por importe de 19M€ como o Hub Audiovisual das industrias creativas, dotado con 9,6M€ e do que xa se abriron as primeiras liñas para atraer rodaxes e desenvolver ambiciosos paquetes audiovisuais. Tamén outros oito programas -cun investimento de 9,5M€- para apoiar ás salas de cinema, proxectos de cultura no rural, poñer en valor o noso patrimonio cultural, a modernización de teatros e salas musicais, mellorar a dotación das bibliotecas, así como para dixitalizar os arquivos ou a posta en marcha de aceleradoras culturais.

Detalle dos proxectos elaborados

A maiores, Galicia deseñou oito proxectos de carácter cultural e lingüístico por importe de 197M€, que xa foron enviados ao Goberno central coa finalidade de presentalos ás convocatorias que se lancen con fondos europeos. Trátase de Cultura circular, para a dixitalización da cultura, impulsando ferramentas de creación e difusión de contidos dixitais; Cultura Emerxente, para difundir o resultado dos procesos creativos dentro e fóra de Galicia, favorecendo a súa exportación; Museo +, para potenciar a súa innovación; A nosa pegada, para a mellora de bens singulares do patrimonio; Confíns dos verdes castros, para a recuperación do patrimonio arqueolóxico, e Ribeira Sacra, para reforzar a conservación na súa candidatura a Patrimonio Mundial. Igualmente, arrincaron xa o proxecto Stellae 5.0, en colaboración coa rede CRUSOE (Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo), para impulsar a transición dixital dos recursos patrimoniais dos Camiño de Santiago, e o Proxecto Nós, coa Universidade de Santiago, para garantir a presenza da lingua nos novos desenvolvemento tecnolóxicos.

Neste proceso de captación de fondos europeos e para a revisión dos proxectos xa existentes, Román Rodríguez animou á participación e colaboración conxunta público-privado. Por iso, presentou este encontro como “a apertura dun proceso participativo para completar, mellorar e enriquecer esta batería de proxectos, que deben ser punto de partida para o deseño definitivo dos proxectos que se poidan presentar aos fondos”.

Creación de oito grupos de traballo

O traballo canalizarase coa creación de oito grupos de traballo distribuídos en Audiovisual, Artes Escénicas, Libro, Música, Institucións culturais (bibliotecas, fundacións culturais, arquivos e museos), Artes Visuais, Patrimonio Cultural e Lingua. Con este fin, fixarase un calendario de xuntanzas en febreiro, marzo e abril das que sairá un documento final con diferentes proxectos consensuados que serán enviados ao Goberno do Estado.

No encontro estiveron representantes do sector cultural, así como de institucións e administracións públicas encargadas de xestionar fondos destinados á cultura. Entre outros, participaron membros de entidades como o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes, as universidades, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), centros museísticos e fundacións, así como representantes do eido audiovisual, escénico, literario ou das artes plásticas.

Comparte