Nova: A Xunta inviste 900.000 euros nas 17 iniciativas impulsadas en 2022 polo plan de convenios de industrias culturais

06/02/2022

A Xunta inviste 900.000 euros nas 17 iniciativas impulsadas en 2022 polo plan de convenios de industrias culturais

Esta vía de apoio, complementaria ao programa anual de subvencións, destina máis de 300.000 euros ás artes escénicas, a mesma cantidade á música e arredor de 200.000 euros ao audiovisual, ademais da colaboración coa feira Culturgal

Fundacións, federacións e asociacións profesionais son as principais beneficiarias dos acordos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade formalizará este ano a través da Axencia Galega de Industrias Culturais

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2022.- A Xunta de Galicia investirá este ano preto de 900.000 euros nas 17 iniciativas de fomento cultural que conforman o Plan de Convenios da Axencia Galega das Industrias Culturais para 2022. De xeito complementario ao seu programa anual de subvencións ao audiovisual, ás artes escénicas e á música, esta vía de apoio materializa a implicación do Goberno autonómico no desenvolvemento de feiras, festivais, convocatorias de premios, ciclos e actividades formativas organizadas por algunhas das principais fundacións, federacións e asociacións destes tres ámbitos culturais.

Así, as artes escénicas galegas son as receptoras de máis de 300.000 euros mediante oito colaboracións coas seguintes entidades: a Asociación de Actores e Actrices de Galicia para a organización dos XXV Premios de Teatro María Casares; a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega para o mercado Galicia Escena PRO e para a realización de actividades formativas e de dinamización; o Concello de Ribadavia para a súa Mostra Internacional de Teatro; a agrupación Camiño Escena Norte para o desenvolvemento en Galicia do programa homónimo; o Colectivo RPM para as Residencias Paraíso; a Federación XOC de música e baile tradicionais para o ciclo Danza 3 Xacobeo 21-22 e a Asociación trasPediante Cultura para o Festival de Danza e Artes do Movemento Corpo(a)terra.

Dinamización musical

Tamén superan os 300.000 euros as catro iniciativas musicais inseridas neste plan de convenios mediante o acordo coa Asociación Músicas ao Vivo para a sétima edición dos Premios Martín Códax da Música, a Asociación Amigos de la Ópera da Coruña para a promoción da música operística dentro da programación cultural do Xacobeo 21-22, a Federación Galega de Bandas de Música Populares para os seus certames e concertos e a Asociación Paideia Galiza para a dinamización da musica emerxente.

O audiovisual achega outros catro convenios ao plan, que suman 205.000 euros. A través deles, articúlanse as colaboracións coa Academia Galega do Audiovisual para os XIX Premios Mestre Mateo; coa Fundación Carlos Velo para a 26ª edición do Ourense Film Festival; coa Federación de Cineclubs de Galicia para os seus ciclos e semanas cinematográficas e cos cineclubs de Pontevedra, Padre Feijoo de Ourense, Lumière de Vigo e Valle-Inclán de Lugo para a extensión a estas cidades da programación da Filmoteca de Galicia.

A estes tres ámbitos específicos hai que engadirlle o impulso da Xunta á promoción do conxunto das industrias culturais galegas a través do seu apoio económico á feira Culturgal como principal entidade colaboradora co evento que ten lugar cada outono en Pontevedra.

De acordo cos obxectivos públicos de transparencia, a Axencia Galega das Industrias Culturais dará conta a través da súa publicación no DOG dos convenios subscritos cada cuadrimestre ao abeiro deste plan.

Comparte