Nova: Impulso á internacionalización do libro e da literatura galega con novas axudas á tradución

10/02/2015

Impulso á internacionalización do libro e da literatura galega con novas axudas á tradución

A convocatoria de subvencións 2015-2016 da Secretaria Xeral de Cultura apoia a tradución de libros ao galego e do galego a outras linguas con 200.000 euros

Difundir a produción intelectual creativa de Galicia noutros territorios e favorecer o acceso da cidadanía galega aos textos producidos noutros idiomas son os obxectivos principais deste programa de axudas de apoio á edición

  • Impulso a internacionalización do libro e da literatura galega con novas axudas á tradución Impulso a internacionalización do libro e da literatura galega con novas axudas á tradución

Santiago, 10 de febreiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a proxección exterior do libro e da literatura galega cunha nova convocatoria de subvencións á tradución. A través da liña de axudas 2015-2016, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, a Secretaría Xeral de Cultura destina un total de 200.000 euros á tradución de libros ao galego e do galego a outros idiomas, cos obxectivos de favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e, ao mesmo tempo, de facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos noutros idiomas.

As entidades que acrediten a súa condición de editoras, segundo o establecido na orde de subvencións, poderán optar a estas axudas, que favorecen o acceso en Galicia e en lingua galega a textos significativos producidos no exterior, así como que as autoras e e os autores galegos conten con vías para exportar a súa produción.

Prazo para a presentación de solicitudes
A dotación desta convocatoria de subvencións distribúese en 120.000 euros para a tradución desde outras linguas para o galego e en 80.000 euros para a tradución desde o galego para outros idiomas. O prazo para a presentación de solicitudes comeza o día 11 de febreiro e remata o vindeiro 11 de marzo.

Actualidade das obras e interese para a cultura galega
Para a valoración dos proxectos presentados, a comisión de avaliación terá en conta criterios como o número de edicións da obra que se vai traducir na súa lingua orixinal, a actualidade da obra, a vixencia de dereitos de propiedade intelectual, o currículo da persoa responsable da tradución, o plan de distribución declarado e ponderado da súa viabilidade, así como o interese do proxecto para a cultura galega.

O importe que se lle adxudique a cada proxecto determinarase proporcionalmente ao resultado da valoración resultante da aplicación do baremo establecido nas bases.

Estas axudas promovidas pola Consellería de Cultura e Educación son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que perciba o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

Na convocatoria 2013-2014, o investimento nesta acción de intercambio cultural e de enriquecemento da sociedade foi de 200.000 euros. En total apoiáronse 34 proxectos de tradución; 13 deles foron traducións de obras orixinalmente en galego para outras linguas e 21 foron traducións ao galego de obras escritas orixinalmente noutros idiomas. Na convocatoria 2014-2015 a Consellería de Cultura e Educación mantivo a dotación económica de 200.000 euros.

‘Nimbos’ en inglés, ruso, italiano e éuscaro
Co obxectivo de impulsar a difusión exterior da literatura e das escritoras e escritores galegos no mercado anglófono, a Consellería promove a colección Galician Classics, de obras da literatura galega traducidas ao inglés. Baixo a coedición da Secretaría Xeral de Cultura e do selo editorial Small Station Press, o pasado ano ampliouse a colección con Nimbos, de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado coas Letras Galegas 2014. A Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén promoveu en 2014 a edición bilingüe galego-éuscaro do poemario, así como as versións en ruso e en italiano para dar a coñecer no exterior a obra e a figura do poeta e tradutor de Guitiriz.

Portico of Galician Literature
O Portico of Galician Literature é outra das iniciativas promovidas por Cultura e Educación para dar a coñecer nos exterior os escritores e escritoras da literatura galega, a través de fragamentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica. En 2014 incorporáronse ao catálogo cinco novos autores: Diego Ameixeiras, Rosa Aneiros, Elena Gallego Abad, Xavier Queipo e Anxos Sumai. Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro, Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés, que en 2015 se ampliará con outros cinco recoñecidos escritores e escritoras da literatura galega actual.

Colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos
Ademais desta liña de axudas, no ámbito da tradución a Xunta de Galicia mantén un convenio de colaboración coa Asociación de Tradutores Galegos para contribuír á ampliación dos contidos da Biblioteca Virtual Galega (Bivir), que en 2014 incorporou cinco novas obras, de acceso universal e de balde no seu web. Ao abeiro desa colaboración, tamén se desenvolve a revista ‘Viceversa’, dedicada a recoller traballos sobre a tradución en Galicia.

Obradoiro de tradución poética
O obradoiro internacional de tradución poética ‘Con barqueira e remador’ é outras das iniciativas coas que vén colaborando a Xunta. A terceira edición deste obradoiro permitiu que sete recoñecidos poetas e, á vez, tradutores literarios de diversas nacionalidades e linguas (Letonia, República Checa, Euskadi, Singapur, Finlandia, Romanía e Galicia) convivisen ao longo dunha semana na Illa de San Simón. O traballo de intercambio cultural realizado no obradoiro dá lugar a unha publicación colectiva.

Comparte