Nova: A Xestora cultural Pilar Portela será coordinadora do novo departamento de música e danza da Agadic

15/02/2022

A Xestora cultural Pilar Portela será coordinadora do novo departamento de música e danza da Agadic

Entre outras funcións, corresponderalle a dirección do Centro Coreográfico Galego

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2022.- A xestora cultural pontevedresa Pilar Portela ocupará o posto de Coordinación do novo Departamento de Música e Danza da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), creado e incorporado á estrutura do organismo da Xunta de Galicia desde a recente modificación do seu Estatuto de funcionamento.

Tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), o Consello Reitor do organismo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade acordou a contratación para esta praza, mediante relación laboral de alta dirección, de María del Pilar Portela Vázquez, por ser a persoa que obtivo maior puntuación no proceso público de selección levado a cabo ao efecto desde a súa convocatoria en agosto de 2021.

Entre as tarefas asignadas a este posto están as de desenvolver as accións necesarias para a promoción e o fomento da música e da danza en Galicia, a dirección do Centro Coreográfico Galego, impulsar as relacións entre os distintos axentes culturais nestes sectores e establecer alianzas con outras entidades de fóra da nosa Comunidade.

Pilar Portela é licenciada en Ciencias Económicas, MBA polo Instituto de Empresa e Máster en Administración Local pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Foi directora-xerente do Organismo Autónomo Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra desde 2001 ata 2020, onde xestionou os espazos do auditorio e do recinto feiral do Pazo da Cultura, así como o Teatro Principal pontevedrés. Tamén foi vogal da Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública entre decembro de 2018 e novembro de 2020.

Na actualidade é presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e membro da comisión de profesionalización da Federación Española de Asociaciones de la Gestión Cultural (FEAGC).

Comparte