Nova: O DOG oficializa a declaración BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán composta por preto de 11.000 volumes

16/02/2022

O DOG oficializa a declaración BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán composta por preto de 11.000 volumes

O Diario Oficial de Galicia publica o decreto que recoñece a protección de 7.883 libros custodiados na sede da Real Academia Galega e 2.972 rexistros en Meirás

Valórase a “singularidade e carácter único” da colección e saliéntase o valor dos volumes, con primeiras edicións e algúns manuscritos dedicados polos autores

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2022.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC) a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o que supón o recoñecemento do valor cultural e a protección e salvagarda dun total de 10.855 volumes, dos que 7.883 están custodiados na sede da Real Academia Galega e preto de 2.972 no interior de Meirás.

Á hora de acreditar este recoñecemento, o decreto de declaración BIC constata a “singularidade e carácter único” das pezas. Califícase como unha “colección esencial” tanto por ser unha biblioteca creada pola propia autora, un dos grandes referentes da creación e a intelectualidade da súa época, como por ser froito das súas relacións cos seus contemporáneos. Valórase tamén o “especial valor cultural” da colección, como testemuña dun período histórico, ao ser un patrimonio material que contribuiría ao coñecemento sobre esta etapa da historia cultural de Galicia.

Do mesmo xeito, o decreto salienta o valor dos volumes. A grande maioría son primeiras edicións, moitos deles manuscritos dedicados polos seus autores a Pardo Bazán, e abranguen literatura do Século de Ouro español, do século XIX e principios do XX, francesa e española e unha boa representación de literatura galega. Ademais, a existencia de subliñados e anotacións nas marxes coa letra da autora e outros elementos como ex libris e dedicatorias personalizadas convérteos en únicos.

Resolto con axilidade

Hai tamén volumes de Historia, Filosofía, Socioloxía, guías de viaxes e unha ampla representación da prensa da época de Pardo Bazán, onde ela adoitaba colaborar. Entre eles hai tesouros, como o libro de Saavedra Fajardo Empresas políticas (1648) ou primeiras edicións de Voltaire do século XVIII, á que alude a autora na súa obra Los pazos de Ulloa e dos que seguramente o seu primeiro dono foi o seu avó Miguel Pardo Bazán.

Coa publicación do decreto, a Xunta de Galicia resolve así este procedemento con axilidade, 10 meses antes do prazo máximo marcado pola lei, de dous anos, xa que a tramitación fora iniciada en novembro de 2020 coa incoación do expediente. Neste tempo, non se recibiron alegacións e contouse con todos os informes favorables dos órganos asesores: a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario e a Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.

A declaración como Ben de Interese Cultural da biblioteca de Emilia Pardo Bazán é un recoñecemento de valor cultural que supón un réxime de máxima protección e tutela, que non afecta á titularidade do ben. As persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens, están obrigadas, entre outras cuestións, a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

Coa aprobación do decreto complétase así un ano de posta en valor, protección e divulgación do patrimonio da autora, despois de que en 2021 a Xunta impulsase unha ampla programación con máis de medio cento de actividades académicas e culturais para achegar a figura de Pardo Bazán a todos os públicos no marco do seu centenario.

Tres BICs en Meirás

Con esta declaración BIC, Galicia conta xa con 772 BICs, dos que 96 foron declarados desde a entrada en vigor da Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, que facilitou a declaración e protección cun concepto máis amplo baseado tamén nas relacións territoriais e no patrimonio inmaterial.

A publicación deste decreto supón a suma de tres bens declarados BIC en Meirás. A primeira foi en 2008, coa declaración do Pazo coa categoría de sitio histórico, e a segunda en 2019 coas nove estatuas da portada exterior do Pórtico da Gloria obra do Mestre Mateo, dúas das cales están actualmente en Meirás. Complétase agora coa declaración da biblioteca de Emilia Pardo Bazán.
Nestes momentos a Xunta e Goberno central negocian un convenio para ampliar o BIC do Pazo de Meirás co obxectivo de incluír determinados elementos do interior vinculados a Pardo Bazán e a Francisco Franco. A Xunta mantén a súa vontade para materializar esta ampliación e só resta pechar o anexo dos bens aos que se dará protección e unificar os elementos que se reclaman por vía xudicial por parte do Estado e os que se protexen patrimonialmente. Trátase dun procedemento en paralelo co proceso xudicial en marcha para determinar a súa propiedade.

Comparte