Nova: A Fundación Pública Camilo José Cela participa na homenaxe de Fisterra ao escritor polo 20 aniversario do seu pasamento

18/02/2022

A Fundación Pública Camilo José Cela participa na homenaxe de Fisterra ao escritor polo 20 aniversario do seu pasamento

Nun acto organizado polo Concello e o Hotel Bela Fisterra, afóndase na relación do premio Nobel coa vila fisterrá, onde pasaba os veráns e se documentou para a súa derradeira novela ‘Madera de boj’

Fisterra (A Coruña), 18 de febreiro de 2022.- A Fundación Pública Galega Camilo José Cela participa este sábado na homenaxe ao escritor organizada en Fisterra co gallo do 20 aniversario do seu pasamento. No acto, organizado polo Concello e o Hotel Bela Fisterra, o bibliotecario da Fundación, Iván Rodríguez Varela, abordará a relación do Premio Nobel de Literatura coa vila fisterrá, onde pasaba os veráns nos anos 80.

A praia da Langosteira foi o lugar elixido por Camilo José Cela para descansar no período estival e documentarse coa finalidade de escribir a que sería a súa derradeira novela, Madera de boj, sobre a que tamén falará o representante da Fundación. O labor de documentación, os lugares que visitou o autor ou as súas amizades son outros dos temas que se analizarán.

Trátase de acontecementos que tiveron lugar na década dos 80 e coinciden coa posta en marcha da Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia, no concello de Padrón, onde naceu o escritor. Xunto ao bibliotecario intervirá tamén na homenaxe o profesor José A. Ponte Far, o poeta Modesto Fraga e o escritor e xornalista Paco López Barxas. Con esta participación, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade quere contribuír a poñer en valor o legado e os vínculos do autor con distintas áreas do territorio galego.

Programación conmemorativa da Xunta

Cómpre sinalar que a Xunta presentou o pasado mes unha ampla programación conmemorativa polo 20 aniversario do falecemento do Premio Nobel, que abrangue as catro provincias e inclúe accións e acordos con institucións de fóra de Galicia. Así, ao longo do ano haberá proxectos expositivos, actividades no ámbito académico en Madrid e Cataluña e lanzarase unha revista literaria dixital, entre outras propostas.
 

Comparte