Nova: A Xunta apoia a 40 creadores emerxentes coa convocatoria da XII edición do ‘Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura’

18/02/2022

A Xunta apoia a 40 creadores emerxentes coa convocatoria da XII edición do ‘Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura’

Presentarán o seu proxecto creativo nunha estancia de catro días no Gaiás –entre o 28 de agosto e o 1 de setembro– establecendo un diálogo aberto con outros artistas

O #EAN12 convida como relatores a tres destacados creadores que pasaron polo Encontro cando comezaban a abrirse camiño no eido da arte: Ana Esmith, coñecida polo seu ‘alter ego’ Miss Beige, e os artistas visuais Beatriz Lobo e Miguel Scheroff

O fotógrafo Tono Arias, impulsor do espazo ‘Dispara’, e o comunicador e profesor Rubén D. Alves completan os convidados desta edición

Dirixido por Rafael Doctor e enmarcado no Xacobeo 21·22, o prazo de recepción de candidaturas está aberto ata o 29 de abril
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022.- A Xunta vén de convocar unha nova edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura – EAN que, co obxectivo de apoiar a arte emerxente, ofrece a 40 novas figuras da creación contemporánea a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás, durante a que compartir experiencias con outros artistas, tanto noveis como consolidados creadores do panorama nacional e internacional. Enmarcado na programación do Xacobeo, o Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

Dirixido novamente por Rafael Doctor, o encontro chega este ano á súa duodécima edición consolidado como unha das citas imprescindibles da creación contemporánea, onde teñen presentado os seus traballos máis de 600 creadores. Nesta ocasión, tres destes artistas que participaron no EAN cando comezaban a abrirse paso no mundo da arte regresan para compartir a súa experiencia como relatores. Será o caso de Ana Esmith, que co seu alter ego Miss Beige se converteu nun dos nomes máis coñecidos da performance nos últimos anos. A través do silencio, o hieratismo e unha omnipresente cor beige, a actriz e comunicadora apela e incomoda ao público en situacións cotiás, creando escenas nas que non falta a sátira e a denuncia cos seus inseparables bolso e martelo.

Tamén estará presente como relatora a artista visual Beatriz Lobo, que desenvolve o seu traballo entre a pintura, a escultura, a serigrafía e o deseño, e tamén participou en 2018 no Gaiás na primeira edición do ciclo Reb/veladas na paisaxe. Actualmente participa en diferentes proxectos con institucións como La Casa Encendida, traballa como deseñadora de portadas para selos musicais e editoriais literarias, e colabora en proxectos radiofónicos e de artes vivas, así como no equipo de arte de producións cinematográficas. Tamén volverá ao EAN, por onde pasou en 2013 como artista emerxente, Miguel Scheroff, que desde entón ten exposto en lugares como os Estados Unidos, Suíza, Alemaña, China, Italia, Marrocos ou México e participado en feiras nacionais como JustMad, Marte, Hybrid Art Fair ou Art Madrid, entre outras. Nas súas últimas series sérvese de recoñecibles escenas da pintura clásica e iconas pop da cultura millennial para convidarnos a través da pintura e da instalación a reflexionar sobre o conflito e a súas consecuencias, a angustia e o desencanto vital.

Destacados relatores

Completan os relatores desta edición Tono Arias, cunha longa traxectoria na fotografía de prensa, documental, publicitaria, industrial ou arquitectónica, e impulsor do proxecto Dispara, un espazo web e físico con vocación periférica sito na Estrada (Pontevedra), destinado a servir de punto de encontro entre autores, e artellado como espazo expositivo, librería especializada en Fotolibros, editora, centro de impresión dixital e de produción de exposicións.

Todos eles súmanse así á longa lista de artistas que participaron no Encontro de Artistas Novos como relatores, con nomes como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Ramón Ramos Balsa, Daniel Canogar, Chelo Matesanz, Abel Azcona ou Oliver Laxe.

Ademais, e como novidade desta edición, o EAN incorpora como convidado especial a Rubén D. Alves, quen compaxina o seu labor docente en diferentes universidades nacionais e internacionais co seu amor pola arte. Esta paixón levouno a crear a conta de Instagram @beninmadrid, como plataforma de promoción e divulgación do que acontece na escena artística. A partir da súa experiencia no desenvolvemento de competencias comunicativas tratará cuestións como a presenza da arte emerxente nas plataformas sociais e as súas posibilidades e limitacións para comunicar os conceptos, sentimentos ou reaccións que desexa o ou a artista.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña, a comisaria independente Nerea Ubieto, e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o eido curatorial ou xornalístico.

Os interesados a optaren a unha das 40 prazas do #EAN12 deberán enviar a súa solicitude antes das 15,00 horas do 29 de abril xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org. As bases completas poden consultarse no web da Cidade da Cultura. O encontro desenvolverase no Gaiás entre o 28 de agosto e o 1 de setembro.

O programa complétase coa opción de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. Ao igual que a anterior edición, o Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk terá como eixe a Ruta Xacobea, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago, aproveitando que a Vía da Prata discorre no seu último tramo paralela ao Monte Gaiás e tamén a propia conexión visual entre as torres Hejduk e as torres da catedral compostelá.

 

Comparte