Nova: A Xunta destina medio millón de euros a mellorar as bibliotecas, arquivos e locais culturais do rural
27/02/2022
A Xunta destina medio millón de euros a mellorar as bibliotecas, arquivos e locais culturais do rural
Ata o 10 de marzo, os concellos poden optar a esta nova convocatoria de axudas para impulsar obras de reforma ou mercar materiais que permitan manter a súa programación
O pasado ano, ao abeiro desta liña de axudas facilitáronse melloras en 43 concellos no marco de estender a actividade cultural e mellorar as infraestruturas
Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021.- A Xunta destina medio millón de euros a mellorar o equipamento das instalacións e locais dos concellos destinados a actividades de carácter cultural como bibliotecas e arquivos do rural. Faino a través dunha nova convocatoria da liña de axudas anual que mantén aberto o seu prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 10 de marzo.
Como se informa no Diario Oficial de Galicia, a intención desta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade é dotar dos medios necesarios aos concellos para que poidan executar as súas programacións culturais, así como contar coas infraestruturas actualizadas e equipadas, garantindo o acceso á cultura tanto nos eidos rurais como urbanos.
Poden beneficiarse os concellos que sexan titulares dos locais culturais para os que se solicitan as axudas, que deberán contar cunha programación cultural estable ao longo do ano. Tamén poden solicitar estas axudas agrupacións de concellos que deberán xestionar o servizo de forma conxunta. Isto suporá un aforro de custos respecto dos que implicaría a prestación individual e deberá ter subscrito un convenio de colaboración entre todos os concellos integrantes.
Modernización
O Goberno autonómico sufragará os gastos en equipamento e mobles de locais, as obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora de inmobles, así como a adquisición de materiais técnicos vinculados ao desenvolvemento das accións culturais. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o 10 de marzo na sede electrónica da Xunta de Galicia.
A axuda máxima por entidade local beneficiaria será de 30.000 euros e non poderá exceder do 90% do orzamento total do proxecto subvencionable. Este importe ascenderá a 35.000 euros cando se trate de solicitudes realizadas por agrupacións de concellos. Na convocatoria anterior, o Goberno autonómico contribuíu á mellora das instalacións e locais culturais de preto de 43 concellos con diferentes actuacións con equipamento e mobiliario, modernizacións, así como mellora da accesibilidade, incluíndo a instalación de ascensores nalgún caso.
Máis de 1,5M€ para as infraestruturas culturais
A través destas axudas, a Xunta continúa impulsado a cultura nos distintos concellos buscando a máxima calidade e o seu acceso e dáse continuidade á aposta por reforzar as infraestruturas culturais galegas a través doutras medidas en marcha por parte da Consellería de Cultura, Educación e Universidade como as novas axudas para as melloras en museos, as axudas para arquivos ou para as de modernización de teatros e salas de música por un importe global superior a 1,5M€.