Nova: A Xunta oficializa a protección patrimonial da Torre de Fornelos ao incluila no rexistro de Bic de Galicia

01/03/2022

A Xunta oficializa a protección patrimonial da Torre de Fornelos ao incluila no rexistro de Bic de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución que dá resposta a unha solicitude do Concello de Crecente e supón o recoñecemento do seu réxime de salvagarda

Comunícao á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para a súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia vén de inscribir a Torre de Fornelos, situada no lugar do Lameiro en Crecente, no rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia (BIC) como ben inmoble na categoría de monumento, o que supón recoñecer o seu réxime de protección patrimonial.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución, coa que o Goberno autonómico dá resposta a unha solicitude do Concello de Crecente e recoñece o seu réxime de protección xa que, pese a que o ben estaba catalogado polo documento de planeamento municipal e contaba coa consideración de BIC ao ter os requisitos legais fixados que protexe os castelos e as torres defensivas construídas antes de 1849, non estaba inscrito nos rexistros BICs, nin estatal nin galego.

Á hora de valorar a inscrición no rexistro galego, tívose en conta a documentación achegada polo Concello de Crecente e o informe técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que acreditan a condición da torre de Fornelos como un elemento propio da arquitectura defensiva construída antes de 1849 e mantén, actualmente as suficientes condicións de integridade e autenticidade para xustificalo.

Ademais, comunicarase esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deportes para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Desde o século XII

A torre de Fornelos atópase xunto ao encoro de Frieira, a beiras do río Ribadil, nun outeiro que condicionou a súa estrutura e as diferentes alturas que presenta. Así a fachada oeste, onde se sitúa a porta de entrada, presenta unha altura menor que o resto dos alzados. Trátase dunha torre de planta cuadrangular que poderia corresponder a unha torre de homenaxe que formaria parte dun conxunto moito máis amplo.

Da estrutura interior do edifício non queda ningún resto, pero existen alguns sinais, como os apoios das trabes de madeira, as xanelas e seteiras ao exterior, que permiten identificar a súa configuración arquitectónica orixinal, composta, probablemente, por catro pisos e un soto.

Desde o punto de vista histórico, a primeira referencia escrita data do ano 1158. A súa situación, no límite con Portugal, provocou que fose escenario de grandes batallas como as que mantivo Alfonso VII contra o seu primo Alfonso Enríquez, rei de Portugal. Máis tarde, no século XVI, tiveron protagonismo os Irmandiños e foi reconstruída por Pedro Madruga, quen mantería alí grandes enfrontamentros contra o Bispo de Tui, Diego de Muros. Máis adiante, a torre foi doada por Sancho I de Portugal a Aldonza Vázquez de Fornelos e Fernán Pérez Castro fundadores da Casa Fornelos.

Na resolución valórase a súa importancia cultural, tanto polo tipo de arquitectura que representa como pola súa relación coa fortificación da fronteira xa que a súa situación permitia exercer control na contorna. Ademais do seu valor arquitectónico e arqueolóxico, valórase a súa vinculación con figuras emblemáticas da historia medieval galega, caso de Pedro Madruga e do bispo de Tui, Diego de Muros.

Comparte