Nova: Patrimonio Cultural autoriza o proxecto de recuperación do sistema dunar na praia de Samil

01/03/2022

Patrimonio Cultural autoriza o proxecto de recuperación do sistema dunar na praia de Samil

Os servizos técnicos do departamento non atopan desde o punto de vista da protección impedimento ao traslado do hórreo, como elemento alleo ao lugar

Condicionan a intervención municipal ao mantemento dos elementos da cuberta e a súa reconstrución inmediata tras a preparación da nova soleira na que se asentará

Vigo, 1 de marzo de 2022.- A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de dar o seu visto e prace ao proxecto de recuperación do sistema dunar da praia de Samil promovido polo Concello de Vigo, tras constatar que o traslado do hórreo para o que se solicitaba autorización non modifica as condicións que inciden na significación e interpretación do elemento.

Á vista da documentación achegada, os servizos técnicos de Patrimonio na provincia non atopan desde o punto de vista da protección impedimento algún ao traslado do hórreo, situado na actualidade entre a estrada e o paseo da praia de Samil, e catalogado no PXOM de 2008 a partir do inventario de Patrimonio Etnográfico do Concello de Vigo.

No seu informe, indican que está descontextualizado nun espazo no que se recoñece como un elemento alleo ao lugar con función decorativa e que a actuación definida no proxecto de recuperación do sistema dunar na praia de Samil 1ª Fase non altera esta situación.

Tras o estudo do expediente, acordaron informar favorablemente a intervención municipal, aínda que a condicionan ao mantemento dos elementos da cuberta e a súa reconstrución inmediata tras a preparación da nova soleira na que se asentará, a uns 26 metros do espazo actual desprazándoo cara ao Sur.

Asemade, apuntan que as pezas deberán ensamblarse segundo o método tradicional, preferiblemente en seco, e que todo o procedemento deberá quedar debidamente recollido nunha memoria final.

Advirten que no suposto de sexa necesaria a substitución, total ou parcial, de elementos da estrutura ou se acorde unha solución estrutural diferente que non responda á tradicional para este tipo de elementos, deberase remitir un proxecto modificado de reconstrución que requirira dunha nova autorización.

Comparte