Nova: A Xunta financia a modernización de equipamentos e de medidas de seguridade na Biblioteca Municipal da Illa de Arousa

02/03/2022

A Xunta financia a modernización de equipamentos e de medidas de seguridade na Biblioteca Municipal da Illa de Arousa

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde, Carlos Iglesias, supervisou esta actuación na coñecida como Casa de Godoy, á que se dotou de equipos informáticos, cortinas, mesas, cadeiras, sistemas antirroubo e un plan de emerxencias

Este investimento contou cunha achega de 30.000€ da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao abeiro da orde de subvencións do pasado ano para entidades locais orientadas a equipamentos e melloras en inmobles de ámbito cultural

O departamento autonómico, que destina máis de 2 M€ a estas iniciativas de carácter cultural, ten abertas as liñas para adquisición de novidades editoriais e reforzo de coleccións bibliográficas ata o 4 de marzo e para mellora de espazos culturais ata o 10 deste mesmo mes

A Illa de Arousa, 2 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vén de financiar a mellora e modernización de equipamentos e a adopción de medidas de seguridade na Biblioteca Municipal da Illa de Arousa, emprazada no emblemático inmoble coñecido como Casa de Godoy.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde da Illa de Arousa, Carlos Iglesias, supervisou esta mañá esta actuación, que contou cunha achega autonómica de 30.000 euros, para financiar o 65% do investimento, ao abeiro da orde de subvencións do pasado ano para entidades locais orientadas á dotación de equipamentos e melloras en inmobles de actividade e uso cultural.

O proxecto desenvolvido na Biblioteca Municipal da Illa de Arousa consistiu na renovación de equipos informáticos, a instalación de novas cortinas, a fabricación e subministración de mesas de traballo específicas, a adquisición de novas mesas e cadeiras, a elaboración dun plan de emerxencia e evacuación do edificio e a colocación de sistemas antirroubo.

“A Xunta de Galicia ten unha aposta constante pola cultura en todos os eidos e as bibliotecas, as axencias de lectura e os locais culturais dos concellos ocupan un lugar moi importante, xa que son unha canle de transmisión moi cercana aos veciños e por iso cada ano artellamos varias liñas de colaboración que, na convocatoria do presente exercicio, contan cun orzamento conxunto superior aos dous millóns de euros”, sinalou o representante autonómico, que lembrou que coa orde de 2021 tamén se beneficiaron, na comarca do Salnés, os municipios de Valga e Sanxenxo para actuacións diversas nas súas Casas da Cultura.

Por outra banda, o delegado territorial informou que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten aberta na actualidade as ordes de subvención para entidades locais orientadas á adquisición de novidades editoriais en galego e reforzo das coleccións bibliográficas de bibliotecas e axencias de lectura municipais, que ten un orzamento de 550.000 euros e pechará o seu prazo o vindeiro 4 de marzo, e a destinada á dotación de equipamentos e melloras en locais con actividades culturais, que se prolongará ata o vindeiro día 10 deste mes cunha partida de 500.000 euros.

Esta última liña de axudas para os concellos, que se resolverá en réxime de concorrencia competitiva, ofrece unhas achegas dun máximo de 30.000 euros, sen superar en ningún caso o 90% do investimento, e poden adicarse á adquisición de equipamentos ou mobles, obras de reforma, ampliación, modernización ou mellora dos inmobles, instalación de materiais técnicos para o desenvolvemento de programas culturais e obras de accesibilidade.

 

Comparte