Nova: Escenas do cambio réndelle unha homenaxe ao correo postal na Cidade da Cultura

13/02/2015

Escenas do cambio réndelle unha homenaxe ao correo postal na Cidade da Cultura

O Museo Centro Gaiás acolle un encontro aberto a todo o público no que descubrir as historias que agochan unha carta, argumento da obra La Máquina de la soledad que terá a súa última función ás 17 horas

A segunda semana do Festival de Inverno remata con ‘Mis documentos Santiago de Compostela’, protagonizada por Branca Novoneyra e Amaya González Reyes

O director chileno Pablo Larraín pon por última vez en escena no Museo Centro Gaiás a obra Acceso a partir das 20:30 horas
 

  • Imaxe do espectáculo Imaxe do espectáculo

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2015.- A Cidade da Cultura de Galicia réndelle mañá unha homenaxe ao correo postal cun encontro entre carteiros e o equipo da obra ‘La máquina de la soledad’ de Oligor e Microscopía, da que hoxe se representará a última función no marco do festival ‘Escenas do cambio’.

A partir das 12 horas, o Museo Centro Gaiás será o escenario deste encontro entre traballadores de Correos, carteiros en activo e carteiros xubilados, e as historias recompiladas ao longo do máis de corenta anos de profesión, e o equipo de ‘La máquina de la soledad’, no que o público descubrirá os segredos que pode agochar unha soa carta.

Precisamente, os autores deste “teatro de obxectos documental” construíron ‘La máquina de la soledad’ a través dunha arqueoloxía de obxectos, imaxes e anécdotas insólitas investigadas por escribáns, carteiros xubilados, arquivos e traballadores de correos. Un feixe de historias que comparten ao redor do mundo co público e que enriquecen con novos encontros con carteiros en todas aquelas cidades polas que pasa o seu espectáculo.

A entrada a este encontro é de balde e está aberta a todo aquel que nesta era de internet e novas tecnoloxías queira comprobar a importancia dunha carta ou dun telegrama e do labor dos mensaxeiros que as transmiten.

Tres producións latinoamericanas
‘La máquina de la soledad. Teatro de objetos documental’ de Oligor e Microscopía terá hoxe a súa última función ás 17:00 horas no Museo Centro Gaiás.

De feito, a Cidade da Cultura de Galicia despide mañá, sábado, a segunda semana de ‘Escenas do cambio. Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción’ e o fará con tres producións latinoamericanas na tentativa de fortalecer unha relación histórica e un fluxo artístico desde Galicia cara América e viceversa.

Tras ‘La máquina de la soledad’, o Museo Centro Gaiás acollerá a segunda sesión de ‘Mis Documentos Santiago de Compostela’, con Branca Novoneyra e Amaya González Reyes. ‘Mis Documentos’ é un ciclo de conferencias performativas curado por Lola Arias, que na súa estrea en Europa convidou a catro artistas galegos e dous arxentinos a facer unha investigación persoal e plasmala ante o público.

Na función de mañá, Branca Novoneyra presenta ‘Parada’, unha volta a súa aldea de 13 casas onde pasou a súa infancia sen nenos; e a artista visual Amaya González Reyes realiza un ensaio sobre a súa compulsión de acumular obxectos en ‘Acciones contra el síndrome de Diógenes’.

Xa ás 20:30 horas, o chileno Pablo Larrín, director da mítica película ‘NO’, ofrece o segundo pase de ‘Acceso’, a historia dun gladiador urbano que rebela sinais profundos dun lugar de vida, dor e goce, acompañado dunha linguaxe lumpen, atroz e poética á vez. Cos abusos sexuais como trasfondo, ‘Acceso’ é unha peza difícil e atrainte creada e interpretada en ‘coa’, variante chilena do castelán.

Entradas a 8 euros
As entradas para todas as funcións do festival están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e www.servinova.com a un prezo de 8 euros, a excepción das función de ‘Mis Documentos’, que teñen entrada de balde previa retirada de invitación no mostrador do Museo Centro Gaiás (máximo 2 por persoa).

‘Escenas do cambio’ ofrece tamén unha oferta 4x3 (asiste a catro funcións e paga tres) por 24€. Esta última opción só está dispoñible a través do teléfono de servinova 902 504 500.

Estrea de Acceso de Pablo Larraín
A xornada de hoxe contará ás 20:30 horas coa estrea de ‘Acceso’ de Pablo Larraín e protagonizada por Roberto Farías, recoñecido como un dos máis grandes actores de América Latina.

A xornada de hoxe complétase co segundo pase de ‘La máquina de la soledad’ ás 17 horas e a primeira sesión de ‘Mis Documentos Santiago de Compostela’, ciclo de conferencias performativas curado por Lola Arias que nesta sesión estará protagonizada polos performers galegos Diego Anido e Uxía P. Vaello.

Comparte