Nova: Talía estrea en Santiago a súa versión de ‘Morte accidental dun anarquista’, producida co apoio da Xunta de Galicia
09/03/2022
Talía estrea en Santiago a súa versión de ‘Morte accidental dun anarquista’, producida co apoio da Xunta de Galicia
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais interveu na presentación do espectáculo, inserido nun dos primeiros proxectos adxudicatarios da nova modalidade de subvencións á actividade escénica continuada
O Teatro Principal acolle o venres 11 e o sábado 12 as primeiras funcións desta montaxe a partir da obra do italiano Dario Fo, dirixida e adaptada por Cándido Pazó
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022.- Talía Teatro estrea esta fin de semana no Teatro Principal de Santiago a súa versión da famosa obra do autor italiano Dario Fo Morte accidental dun anarquista, dirixida e adaptada por Cándido Pazó. Este espectáculo insírese na proposta trianual coa que a compañía galega foi unha das primeiras adxudicatarias da nova modalidade de axudas posta en marcha en 2020 pola Xunta no marco das súas subvencións á creación escénica co fin de favorecer a continuidade de equipos e proxectos das empresas teatrais.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o equipo na presentación das primeiras funcións da montaxe, que terán lugar o venres 11 e o sábado 12, ás 20,30 h. Alí amosou a súa satisfacción polos resultados obtidos por Talía Teatro, que xa na recta final do período de tres anos polo que recibiu unha axuda autonómica de 100.000 euros, conseguiu levar a cabo “con calidade artística e con seguridade laboral” tanto Morte accidental dun anarquista como A parábola do angazo, estreada o pasado mes de outubro.
Axudas por 800.000 euros en 2022
Esta nova vía de apoio continuado, da que en 2020 resultaron beneficiarias tanto Talía como Chévere e en 2021, Malasombra Producións e Teatro do Noroeste, volverá ser en 2022 unha das catro modalidades de axuda dentro da convocatoria de subvencións á creación escénica que, segundo anunciou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ten prevista a súa publicación no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 18 de marzo cunha dotación de 800.000 euros. As outras tres categorías son as referidas a espectáculos de teatro, novo circo e maxia, a propostas de danza e artes do movemento e a compañías de nova creación.
Sutil agradeceu o esforzo de Talía e do seu director, Artur Trillo, por continuar a situarse, malia as dificultades destes anos, como unha das compañías máis relevantes do panorama teatral galego das últimas décadas, así como a súa valentía por abordar un espectáculo cun número importante de intérpretes e un equipo artístico de primeira liña. Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Diego Rey, Artur Trillo e Marta Ríos conforman o elenco deste espectáculo, que afonda na aposta da formación polo teatro político como unha das súas liñas artísticas, da man dun dos textos claves do teatro contemporáneo cunha comicidade mordaz e disparatada, ao tempo que reflexiva.
O responsable de Industrias Culturais da Xunta referiuse, así mesmo, á implicación na montaxe de Cándido Pazó, quen −nas súas palabras− “unha vez máis, se confirma como un dos nosos autores e directores de referencia”. Nestes momentos, desenvolve coa súa propia compañía, Contraproducións, a xira española do espectáculo Cigarreiras, ao tempo que A peste, produción que dirixiu para o Centro Dramático Galego, encara a súa última semana de representacións no Salón Teatro, tamén en Santiago de Compostela.