Nova: A relación de Valle-Inclán con Arxentina, na revista Cuadrante
13/02/2015
A relación de Valle-Inclán con Arxentina, na revista Cuadrante
É o número 29 da publicación, promovida pola Asociación de Amigos de Valle-Inclán co apoio de Cultura
Cambados (Pontevedra), 13 de febreiro de 2015.- O último número de Cuadrante. Revista Semestral de Estudos Valleinclanianos e Históricos, unha publicación promovida pola Asociación de Amigos de Valle-Inclán co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra, foi presentado en Cambados. Durante o acto participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente da asociación, Joaquín del Valle-Inclán; o director da revista, Francisco Charlín; e o cónsul de Arxentina, Roberto Gudiño.
Na súa intervención, o secretario xeral puxo en valor as iniciativas que se veñen promovendo para difundir a obra do dramaturgo, poeta e novelista galego e afondar no seu estudo, con achegas de novos datos e enfoques como os que ofrecen as investigacións publicadas no novo número da revista Cuadrante.
Valle e Arxentina
O volume, realizado pola delegación exterior creada pola Asociación Valle-Inclán en Arxentina, reúne unha serie de traballos que xiran arredor das relacións do escritor galego co país latinoamericano, consideradas desde diversas perspectivas e en diferentes momentos, a través das achegas de novos datos e enfoques. Este conxunto de traballos, que pretende ser unha contribución aos estudos sobre a vida e a obra do escritor, foron realizados por catedráticos, profesores e investigadores da comunidade universitaria arxentina.
Das viaxes do escritor a Mendoza e Córdoba en 1910 e da actividade cultural levada a cabo nestas cidades ocúpanse neste número Gladys Granata de Egües e Mabel Brizuela, xunto con Damián Di Carlo, que afondan nas circunstancias políticas, sociais e literarias do momento, así como na recepción do público e da crítica.
Revista Nosotros e estrea de Divinas Palabras
A presenza da obra de Valle-Inclán en revistas literarias como Nosotros, analizada por Adriana Minardi, e nos programas da materia de Literatura Española Moderna e Contemporánea na Universidade de Buenos Aires desde hai case trinta anos, estudada por Vanina Beviglia e Laura Sólimo, son outros dos temas presentes no último número da revista, no que tamén ocupan un espazo central as postas en escena das obras de Valle-Inclán. É o caso da estrea, en 1964, de ‘Divinas palabras’, dirixida por Jorge Lavelli, no Coliseo de Buenos Aires; da adaptación teatral de ‘Tirano Banderas’, realizada por Lluís Pasqual e presentada no Teatro Nacional Cervantes no ano 1992; e da representación de ‘Luces de Bohemia’ no Teatro Municipal San Martín, en 1999, baixo a dirección de Villanueva Cosse.
Un estudo biográfico sobre Josefa Blanco, realizado polo seu neto, Joaquín del Valle-Inclán; a presenza do escritor na revista Caras y Caretas; a constitución do grupo cultural Amigos de Valle-Inclán, a través do epistolario entre Luis Ruiz Contreras e Ángel Ossorio e un ensaio histórico sobre a economía e a sociedade de Vilagarcía de Arousa en relación ás actividades profesionais do pai de Valle-Inclán son algúns dos temas nos que se centra o número 28 de Cuadrante.
Difusión da obra de Valle-Inclán
A Secretaría Xeral de Cultura vén colaborando coa Asociación Amigos de Valle-Inclán na publicación de Cuadrante. Revista Semestral de Estudos Valleinclanianos e Históricos, da que se editaron en 2014 os números 28 e 29. Ademais, tamén vén mantendo unha colaboración permanente coa Fundación Valle Inclán para favorecer a posta en marcha de programas de actividades arredor da obra do escritor, o funcionamento da escola de teatro vinculada á fundación, así como un conxunto de publicacións que contribúen a difundir a súa obra deste renovador da literatura.