Nova: Román Rodríguez enxalza a contribución da investigación académica para manter vivo o legado de Pardo Bazán
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
15/03/2022
Román Rodríguez enxalza a contribución da investigación académica para manter vivo o legado de Pardo Bazán
O conselleiro de Cultura asiste á presentación dun novo ensaio sobre a autora, obra do catedrático da Universidade da Coruña José María Paz Gago
Tamén presenta a publicación ‘Domingo de Andrade, A invención do Barroco’, coeditada polo Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2021.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do novo ensaio do catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade da Coruña José María Paz Gago, Emilia Pardo Bazán e Galicia, editado por Hércules de Edicións, onde salientou a decisiva contribución que a investigación académica está a ter para divulgar e manter vivo o legado da autora.
Como expresou, publicacións como esta súmanse ás accións levadas a cabo no último ano no que se conmemorou o centenario de Pardo Bazán. A Xunta, en colaboración con distintas institucións e entidades, puxo en marcha unha ampla programación con máis de medio cento de actividades que incluíron exposicións, accións formativas, así como “reunións científicas e encontros que axudaron a trasladar o coñecemento académico sobre a obra da autora e poñelo ao servizo da cidadanía”, expresou.
Neste sentido, agradeceu ao autor -que é tamén impulsor do Instituto de Estudos Emilia Pardo Bazán- a súa contribución por demostrar con esta obra o compromiso da autora coruñesa con Galicia e a dar a coñecela no resto de España e Europa.
Participación de 13 autores
Previamente, o titular de Cultura da Xunta tamén participou hoxe en Santiago na presentación do libro Domingo de Andrade. A invención do Barroco, coeditado polo Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións no marco das homenaxes ao arquitecto no Día das Artes Galegas de 2020, cuxo programa se prolongou tamén a 2021 por mor da pandemia. Este volume, coordinado polo arquitecto Celestino García Baña e o catedrático de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, conta coa participación de 13 autores, entre os que figuran arquitectos e historiadores da arte.
Román Rodríguez referiuse a Domingo de Andrade como un dos principais arquitectos da historia de Galicia “capaz de imprimir un selo propio e de crear unha escola en torno á súa creatividade”. “O labor de Andrade foi especialmente en Santiago, onde o seu traballo propiciou situar a imaxe da capital galega por riba dos estándares europeos”, sinalou.