Nova: A Xunta leva á Cidade da Cultura a estrea de ‘Arte sen guión’ unha comedia de especulación sobre como sería o teatro na Galicia medieval
18/03/2022
A Xunta leva á Cidade da Cultura a estrea de ‘Arte sen guión’ unha comedia de especulación sobre como sería o teatro na Galicia medieval
Enmárcase en ‘Clásicas desfeitas’, ciclo de apoio á creación escénica coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego nas Residencias Artísticas do Gaiás
A compañía Galeatro investiga nos textos da literatura galega previos ao Rexurdimento para construír unha peza contemporánea cargada de música e humor
Terá dúas funcións esta fin de semana, nos días 19 e 20 de marzo, tomando como escenario os espazos naturais e arquitectónicos do Gaiás
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022.- O ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta, arrinca mañá sábado 19 de marzo coa estrea de Arte sen guión, unha comedia que intenta responder desde a creación contemporánea a un misterio por resolver: existiu o teatro en galego na Idade Media? A compañía Galeatro válese das técnicas da improvisación e da musica para construír unha peza cargada de humor na que o antigo e o moderno batallan e dialogan entre si.
A obra, primeira produción de Galeatro dirixida ao público adulto, forma o volume catro de Clásicas desfeitas, iniciativa posta en marcha pola Xunta que aposta por crear espectáculos anovadores e actuais a partir de textos clásicos da literatura no marco do programa de Residencias Artísticas do Gaiás.
Arte sen guión terá dúas representacións esta fin de semana, o sábado 19 ás 18,00 horas e o domingo 20 de marzo ás 12,00 horas, e empregará como táboas os espazos naturais e arquitectónicos da Cidade da Cultura. As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.
Unha viaxe no tempo en clave de humor
Na súa proposta, Galeatro investiga as cantigas e textos da literatura galega previos ao Rexurdimento, así como as estruturas da dramática clásica, para facer viaxar ao público ata unha posible función de teatro galego medieval, un xénero sobre o que crítica e academia discuten aínda hoxe, ao non conservarse rexistros escritos da súa existencia.
O actor e creador Miguel Canalejo, coñecido polos seus papeis nas series Método criminal, Cuéntame cómo pasó ou Serramoura, dirixe e actúa nesta divertida peza na que a improvisación marca o ritmo, facendo de cada función un espectáculo diferente. Canda el estarán tamén no escenario Cris Iglesias —Fariña, Eroski Paraíso—, e os fundadores de Galeatro, Alba Bermúdez e Tone Martínez. O músico Nacho Martín, integrante do trío coruñés True Mountains e compositor con experiencia en espectáculos teatrais, é o responsable do espazo sonoro, mentres a deseñadora arxentina afincada en Galicia Anahí Taraburelli creou o colorido vestiario da peza.
Clásicas desfeitas continúa os días 25 e 26 de marzo co volume cinco do ciclo, A barca do inferno, un innovador espectáculo de teatro na auga creado por Moving Compass que empregará como escenario a lagoa do Xardín Literario do Gaiás. A peza inspírase no Auto da barca do portugués Gil Vicente para trasladar os temas morais do clásico renacentista ás preocupacións contemporáneas pola preservación dos recursos naturais e da paisaxe.