Nova: A Xunta abre as convocatorias de axudas para salas escénicas e compañías profesionais por 1 M€

18/03/2022

A Xunta abre as convocatorias de axudas para salas escénicas e compañías profesionais por 1 M€

O DOG publica hoxe as bases de ambas liñas de apoio, que suman un investimento de
950.000 euros na creación e na exhibición de teatro, danza, novo circo e maxia

Poderán solicitarse desde mañá e ata o vindeiro 18 de abril
 

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2022.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas convocatorias de subvencións que suman un investimento de 950.000 euros no sector escénico galego, dos que 800.000 euros corresponden ás axudas á creación para compañías profesionais e os 150.000 restantes ás salas de titularidade privada. En ambos casos o prazo de solicitude manterase aberto ata o 18 de abril.

Forman parte do programa de axudas á escena profesional galega que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xestiona anualmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e dentro do que en 2022 tamén volverán publicarse convocatorias para a organización de festivais e para a distribución de espectáculos dentro e fóra de Galicia. Ademais, este plan de fomento compleméntase con outras liñas extraordinarias de apoio á reactivación do sector, como as subvencións á modernización e xestión sustentable de infraestruturas ou as diferentes iniciativas transversais aos diferentes ámbitos culturais que se están a deseñar dentro do Hub Audiovisual da Industria Cultural.

As compañías dedicadas profesionalmente á produción escénica con actividade maioritaria en Galicia son as destinatarias da convocatoria á creación nas súas catro categorías: espectáculos de empresas de nova creación, montaxes de teatro, novo circo e maxia, de danza e artes do movemento e actividade escénica plurianual.

Dos 800.000 euros desta dotación, 430.000 resérvanse á produción de propostas de teatro, novo circo e maxia, que poden subvencionarse en ata un 75% do seu orzamento cun límite de 60.000 euros por proxecto. Outros 100.000 euros corresponden a espectáculos de danza e artes do movemento, nos que esta axuda pode acadar tamén o 75% ata un máximo de 37.500 euros, e 70.000 euros son para os proxectos de empresas de nova creación, nos que a intensidade do apoio elévase ata o 90% cun límite de 18.000 euros por adxudicación.

Continuidade de equipos

Por terceiro ano consecutivo, convócase unha cuarta modalidade para actividade escénica plurianual, a través da que se destinan 200.000 euros a favorecer a continuidade de equipos e proxectos de empresas teatrais xa consolidadas. Dúas compañías beneficiaranse deste impulso para o período 2022-2024, con ata 100.000 euros en cada caso. Os seus proxectos trienais deben conter cando menos unha produción e un plan de xira de 70 funcións que considere tanto o mercado galego coma o exterior.

A través da convocatoria de creación escénica, a Xunta contribuíu en 2021 á posta en marcha dos novos proxectos de 30 compañías profesionais, dos que 16 pertencían á modalidade de teatro, novo circo e maxia, sete á de nova creación, cinco á de danza de artes do movemento e dúas á actividade escénica de carácter trianual.

Apoio á programación das salas

En canto ao fondo de 150.000 euros para as salas privadas de artes escénicas, o obxectivo é impulsar o desenvolvemento dunha programación de carácter profesional e a consolidación destes recintos como xeradores dunha destacada actividade ao servizo deste ámbito artístico. A contía máxima establecida por proxecto é de 60.000 euros, sen que poida superar o 75% do orzamento total.
As adxudicatarias deben destinar as axudas a cubrir os gastos vinculados coa programación, como remuneracións por espectáculo, servizos asociados, dereitos de autor, contratación de persoal e comunicación e publicidade. Así mesmo, se considera subvencionable ata o 10% dos custos indirectos, como alugueiros, subministracións e gastos correntes, entre outros.

As salas viguesas Ártika e Teatro Ensalle e as coruñesas Gurugú e Teatro del Andamio foron as catro beneficiarias desta liña de axudas nas dúas convocatorias anteriores.
 

Comparte