Nova: O conselleiro de Cultura destaca a Florencio Delgado Gurriarán como un poeta senlleiro na larga tradición das letras galegas
21/03/2022
O conselleiro de Cultura destaca a Florencio Delgado Gurriarán como un poeta senlleiro na larga tradición das letras galegas
Salienta que nestes momentos é máis necesario que nunca apoiar as manifestacións artísticas e poñer en valor o seu compoñente emocional a través de certames, premios e festivais líricos por toda a Comunidade
Pon de manifesto o dinamismo deste xénero poético en Galicia, tanto polo número de publicacións como polas iniciativas que a celebran
O Carballiño (Ourense), 21 de marzo de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou hoxe na Insua dos Poetas na celebración do Día Mundial da Poesía, onde destacou a Florencio Delgado Gurriarán como un poeta senlleiro na longa tradición literaria galega, que ten importancia polo seu “amplo cultivo da poesía ao longo de séculos”. Cómpre lembrar que o ourensán é o homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
O representante da Xunta de Galicia salientou a visión de Delgado Gurriarán, “un home que entendeu a importancia da poesía como un instrumento de democratización das voces populares e, ao mesmo tempo, como unha salvagarda da memoria común de todo o pobo galego”. “Todo isto posibilítao a poesía: a preservación do patrimonio cultural dun pobo, pero tamén o seu patrimonio emocional”, engadiu.
Román Rodríguez quixo tamén facer fincapé no dinamismo da poesía galega, ”un xénero vivo coa publicación de preto dun cento de novidades editoriais cada ano na nosa lingua”.
Destacou que nestes “momentos convulsos, é máis necesario que nunca apoiar todas as manifestacións artísticas e poñer en valor o seu compoñente emocional”. Un apoio que, como indicou, está a realizar a Xunta de Galicia desde diferentes iniciativas como certames, premios e festivais líricos por toda a Comunidade.
Recital con escolares
Na conmemoración do Día Mundial da Poesía, establecido pola Unesco en 1999, na Insua dos Poetas participaron tamén o presidente da Fundación Insua dos Poetas e do Centro Pen Galicia, Luís González Tosar; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, entre outras autoridades.
No transcurso do acto, realizouse unha conexión cos muralistas Mon Devane, Diego As e Lidia Cao e oito escolares recitaron poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, incluíu o espectáculo de poesía, música e danza Cantares Transhumantes, de Mirian Sandoval, e unha homenaxe ás letras arxentinas coa plantación dun ombú, árbore simbólica da Pampa.
Rosalía de Castro en Madrid
Tamén co gallo do Día Mundial da Poesía e, aproveitando a coincidencia coa celebración do Día da Árbore, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participa este serán no Real Xardín Botánico de Madrid na mesa redonda A imaxinación botánica das escritoras do século XIX, enmarcada na exposición O herbario de Rosalía de Castro: Nasín cando as prantas nasen que, desde o 18 de febreiro e ata 27 deste mes, acolle o Invernadoiro dos Bonsais da dita institución co apoio da Xunta.
A mesa redonda, presentada pola profesora Pura Fernández, centrarase na análise da natureza en escritoras do século XIX e contará coa participación de Catherine Davis, Solange Hibbs e María López Sández. As intervencións centraranse, respectivamente, nas obras de Gertrudis Gómez de Avellaneda, Rosario Acuña e Rosalía de Castro. Ademais, o presidente da Casa Museo Rosalía de Castro, Anxo Angueira, doará ao Xardín Botánico unha filla da figueira de Rosalía, que permanecerá albergada neste baixo unha placa conmemorativa.