Nova: A Xunta abre á cidadanía o proceso participativo para canalizar un reparto xusto e consensuado dos fondos europeos no eido cultural

25/03/2022

A Xunta abre á cidadanía o proceso participativo para canalizar un reparto xusto e consensuado dos fondos europeos no eido cultural

Vén de habilitase na web de Cultura de Galicia un procedemento para que entidades e persoas interesadas acheguen as súas propostas ata o 19 de abril

Continúan así as vías de diálogo iniciadas polo Executivo galego o mes pasado para presentar e avanzar xuntos nas iniciativas que aspiran aos Next Generation

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia continúa o proceso participativo iniciado a principios de ano para coordinar co sector, institucións, administracións públicas e sociedade en xeral a canalización dos fondos europeos ao sector cultural galego. Tras reunirse cos profesionais no mes de febreiro no marco do Foro Proxectos Culturais e Fondos Europeos en Galicia e traballar coas entidades municipais, vén de abrirse a opción de que as entidades e persoas interesadas poidan achegar as súas propostas para as iniciativas que aspiran aos Next Generation.

Para iso, vén de habilitarse na web de Cultura de Galicia un procedemento a través dunha caixa de correo na que os interesados poden enviar a súa achega seguindo o formulario modelo. O prazo de envío de propostas rematará o 19 de abril. A idea é que se poidan ampliar e mellorar os proxectos estratéxicos que Galicia estea en disposición de desenvolver no ámbito da cultura e que poidan optar a recibir financiamento de fondos europeos.

Nestes momentos, trabállase nun total de oito proxectos de carácter cultural e lingüístico para presentar ás convocatorias por importe de máis de 190M€ nos que se está a avanzar para presentar ás convocatorias que se lancen con fondos europeos. Trátase de Cultura circular, para a dixitalización da cultura; Cultura Emerxente, para difundir o resultado dos procesos creativos dentro e fóra de Galicia; Museo +, para potenciar a súa innovación; A nosa pegada, para a mellora de bens singulares do patrimonio; Confíns dos verdes castros, para a recuperación do patrimonio arqueolóxico, e Ribeira Sacra, para reforzar a conservación na súa candidatura a Patrimonio Mundial. Igualmente, arrincaron xa o proxecto Stellae 5.0, en colaboración coa rede CRUSOE (Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo), para impulsar a transición dixital dos recursos patrimoniais dos Camiño de Santiago, e o Proxecto Nós, coa Universidade de Santiago, para garantir a presenza da lingua nos novos desenvolvemento tecnolóxicos.

En marcha os oito grupos de traballo

Para debater todas estas propostas e recibir achegas xa están en marcha oito grupos de traballo distribuídos en Audiovisual, Artes Escénicas, Libro, Música, Institucións culturais (bibliotecas, fundacións culturais, arquivos e museos), Artes Visuais, Patrimonio Cultural e Lingua. Polo momento celebráronse oito xuntanzas con 124 participantes en total e contactouse cos concellos, deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

O propósito da Xunta é que este proceso participativo culmine nunha xuntanza final en maio do que sairá un documento final con todos os proxectos consensuados que será enviado ao Goberno central.

Comparte