Nova: Oito concertos de música culta na nova edición de Pórtico do Paraíso

18/02/2015

Oito concertos de música culta na nova edición de Pórtico do Paraíso

Espazos emblemáticos de Ourense acollerán os recitais de Ensemble Jaques Moderne, Fahmi e Rami Alqhai, Amarcord, Paul O’Dette, Ensemble Peregrina, Vienna Clarinet Connection, Celine Frisch e Maco Beasley con Guido Morini

  • Oito concertos de música culta na nova edición de Pórtico do Paraíso Oito concertos de música culta na nova edición de Pórtico do Paraíso
  • O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na oitava edición do Festival 'Pórtico do Paraíso' O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na oitava edición do Festival 'Pórtico do Paraíso'
  • O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na oitava edición do Festival 'Pórtico do Paraíso' O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou na oitava edición do Festival 'Pórtico do Paraíso'

Santiago, 18 de febreiro de 2015.- O Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso presentou a programación da súa oitava edición, que se desenvolverá do 6 ao 15 de marzo coa participación de oitos recoñecidos solistas e grupos do panorama mundial da música clásica.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou hoxe a Ana Garrido, concelleira de Cultura de Ourense, e a Juan Enrique Miguéns, presidente da Asociación Pórtico Musical, na presentación deste nova entrega do evento, organizado polo Concello ourensán a través do devandito colectivo cultural.

Na súa intervención, Sutil subliñou a consolidación do festival e do seu papel como “plataforma para o coñecemento entre o público ourensán e galego das propostas e intérpretes nacionais e internacionais de éxito no eido da música culta”. Así mesmo, destacou a súa contribución á posta en valor de emblemáticos espazos da cidade das Burgas que son, ao tempo, destacadas pezas do patrimonio galego como a catedral de San Martiño, a igrexa de Santa María Nai, o Museo Arqueolóxico ou a igrexa de Santiago das Caldas.

Programación
Así, a catedral ourensá acollerá o venres 6 de marzo, ás 21.00 horas, o concerto inaugural deste VIII ‘Pórtico do Paraíso’, a cargo do grupo vocal francés Ensemble Jaques Moderne. A programación estenderase á igrexa de Santa María Nai con tres recitais a cargo do dúo español de violas da gamba que integran Fahmi e Rami Alqhai (sábado 7), do estadounidense Paul O’Dette e o seu laúde renacentista (martes 19) e da clavecinista francesa Céline Frisch (sábado 14).

Pola súa banda, o dúo instrumental suízo Ensemble Peregrina presentarase o mércores 11 de marzo no Museo Arqueolóxico, mentres que os italianos Marco Beasley, á voz e ao clavecín, e Guido Morini, ao piano, serán os encargados de pechar a programación deste ano co concerto que ofrecerán o domingo 15 na igrexa de Santiago das Caldas.

Como en anos anteriores, o Teatro Principal súmase tamén ao programa, desta volta como escenario das actuacións do grupo vocal alemán Amarcord (domingo 8) e do cuarteto de clarinetes austríaco Vienna Clarinet Connection (venres 13).

Entrada gratuíta
Agás no caso destas dúas citas no Principal, o resto dos concertos de ‘Pórtico do Paraíso’ son gratuítos. Tamén é de balde a entrada para a exposición ‘Instrumentos musicais con historia’, que permanecerá aberta no Museo Municipal durante a celebración do evento. Laúdes, violas, salterios, arpas ou rabeis son algunhas das pezas procedentes da Colección Emilio Villalba e Sara Marina, de Sevilla, a través da que se ofrecerá un percorrido pola tradición musical da Idade Media.

O programa paralelo desta oitava edición complétase cun encontro co laudista Paul O’Dette o luns 9 e co curso de interpretación de clarinete que impartirán o sábado 14 e o domingo 15 os integrantes do Vienna Clarinet Connection. Ambas as actividades terán lugar no Conservatorio de Música.

Comparte