Nova: A Xunta reivindica a Laxeiro na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando cunha mostra que chegará a París, Madrid, Santiago e Lalín
28/03/2022
A Xunta reivindica a Laxeiro na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando cunha mostra que chegará a París, Madrid, Santiago e Lalín
‘Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970)’ afonda na obra do pintor galego máis relevante do século XX durante a súa etapa na Arxentina
Román Rodríguez salienta “a necesidade de divulgar a Laxeiro máis alá de Galicia e a importancia de situar a súa obra no lugar que lle corresponde na historia da pintura”
Madrid, 28 de marzo de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou hoxe na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, xunto coa conselleira de Cultura, Turismo e Deporte da Comunidade de Madrid, Marta Rivera de la Cruz, a exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), mostra que se exhibirá en París, Madrid, Santiago de Compostela e Lalín.
O Goberno galego, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e en colaboración co Concello de Lalín, organiza esta exposición no marco do Ano Laxeiro, despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidira dedicar o Día das Artes deste 2022 ao pintor galego máis relevante do século XX. A proposta conta con apoio da Xunta de Galicia e de institucións tan relevantes como a Real Academia de Bellas Artes de Madrid, na que se formou o pintor, o Instituto Cervantes ou a Embaixada de España en Francia.
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, agradeceu “a acollida nunha das institucións artísticas con máis historia de España, especialmente significativa na formación e evolución do propio Laxeiro”. Neste senso, engadiu que a retrospectiva procura divulgar o seu legado sobre todo fóra de Galicia, pois en Galicia xa é considerado o gran pintor do século pasado e goza do afecto e recoñecemento de toda a sociedade.
“Imos traballar para que esta exposición axude a situar a obra de Laxeiro no lugar que lle corresponde na historia da pintura española do século XX e agradecemos a implicación de todas as institucións que comparten con nós este obxectivo”, subliñou.
No acto participaron tamén o académico delegado do Museo da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, Víctor Nieto; o comisario da exposición, Carlos L. Bernárdez; o alcalde de Lalín, Xosé Crespo; o pintor Antón Lamazares, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; o conselleiro de Cultura da Embaixada de España en París, Roberto Varela, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
O artista Antón Lamazares realiza a peza conmemorativa da exposición, “unha obra que representa a alegría e celebración polo Ano Laxeiro, a figura máxima da pintura e a alma da nosa terra”.
A estrea da exposición terá lugar no Museo Ramón María Aller de Lalín, onde permanecerá do 6 de abril ao 5 de xuño. A seguinte estadía será na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando (Madrid) do 22 de xuño ao 24 de xullo. De volta en Galicia, o Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) acollerá a mostra do 29 de setembro ao 18 de decembro. Rematará, xa no 2023, do 19 de xaneiro ao 26 de febreiro e grazas ao apoio da Embaixada de España en París, no Instituto Cervantes da capital francesa.
40 obras representativas do Laxeiro arxentino
A exposición reúne 40 pezas procedentes de coleccionistas privados e diversas institucións. As obras seleccionadas céntranse nas dúas décadas (1950-1970) nas que Laxeiro se instalou en Buenos Aires, “considerada a súa etapa de madurez cunha notable evolución formal na súa pintura, condicionada polo contacto cun mundo cosmopolita e co ambiente intelectual galego da capital arxentina”, explicou Carlos L. Bernárdez.
Algunhas das obras máis destacadas e representativas desa época de maior agresividade na pincelada do artista son Foi un home (1963), O espanto (1962), Xefe Azteca (1964), Retrato (1960-1970) ou O mundo (1964). Ademais, a restrospectiva complétase con pinturas de autores como Carlos Maside, Manuel Prego de Oliver, Manuel Pesqueira, Antonio Faílde, Luis Seoane ou Julia Minguillón, recreando simbólicamente a exposición de Buenos Aires de 1951 que motivou a marcha de Laxeiro a América. Así, exhíbense as obras Ruínas da guerra (1949) de Luis Seoane (a modo de representación como organizador desa exposición, aínda que el non participou con ningunha pintura) ou La Tyla y yo (1943) de Julia Minguillón.
Sobre o artista
A figura de José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996), enmárcase na vangarda histórica galega cando un grupo de novos artistas, Os Renovadores, iniciou un proxecto de actualización estética.
“En 1931 recibiu un bolsa de 3.000 pesetas por parte do Concello de Lalín para estudar como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, mostra do valor que lle concedía xa por aquel entón a súa terra ao seu fillo predilecto”, subliñou na súa intervención o alcalde lalinense, Xosé Crespo. No ano seguinte, Laxeiro continuou formándose nesta institución cunha bolsa da Deputación de Pontevedra. En Madrid puido participar nos faladoiros de café con intelectuais galegos como Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Suárez Picallo ou Rafael Dieste. Ademais, durante ese tempo asiste ao café La Granja del Henar onde coñece a Gómez de la Serna ou a García Lorca.
En 1951 participa na exposición Artistas galegos, organizada por Luis Seoane por encargo do Centro Galego de Buenos Aires, na Galería Velázquez. Dende entón, fixa a súa residencia na capital arxentina incorporándose ao núcleo fundamental da cultura galega en América, xunto a Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro ou Isaac Díaz Pardo, entre outros moitos.
En 1970, despois da gran retrospectiva que lle dedica a Art Gallery International en Buenos Aires, regresa definitivamente a Galicia, animado tamén pola creación na súa terra natal do Museo Laxeiro. Falece en Vigo en 1996, aos 88 anos, pouco despois da inauguración da antolóxica que lle organizou o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago.