Nova: A Xunta licita a redacción do proxecto para as obras de conservación do Museo Massó en Bueu

31/03/2022

A Xunta licita a redacción do proxecto para as obras de conservación do Museo Massó en Bueu

Cun investimento de máis de 115.000€, iniciase o proceso administrativo do proxecto básico e de execución, así como de dirección de obra

É o paso previo para os traballos de mellora das condicións museísticas dos distintos espazos da antiga conserveira

  • Museo Masso Bueu

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia vén de licitar a redacción do proxecto básico e de execución, así como de dirección de obra, para os traballos de conservación no Museo Massó de Bueu co fin de mellorar as condicións museísticas dos distintos espazos da antiga conserveira e dos inmobles incorporados ao proxecto expositivo.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inicia así o proceso administrativo desta intervención cun primeiro investimento superior aos 115.000€ financiados polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea nos seus proxectos destinados aos bens declarados Ben de Interese Cultural. O adxudicatario contará cun prazo de tres meses e medio desde a sinatura do contrato para completar os labores de redacción. Unha vez rematada esta fase, a Xunta poderá iniciar a licitación das obras de mellora e ampliación.

Así, como actuación previa, encárganse os traballos de redacción do proxecto básico e de execución co obxecto de deseñar, describir, medir e valorar os traballos necesarios para resolver os problemas da envolvente do edificio e do acondicionamento das salas. Concretamente, actuarase sobre as cubertas e a fachada á praza Massó, así como na Sala Lugrís e Salgadura Piñeiro e nas naves da antiga conserveira e de atadores.

Unha vez completado este documento, a dirección de obra encargarase de dirixir o desenvolvemento da obra definida no proxecto conforme aos aspectos técnicos, estéticos, urbanísticos e medio ambientais que se recollan.

O proxecto deberá ter en conta os principais obxectivos desta actuación que son dotar ao museo dos espazos suficientes para desenvolver as súas funcións e mellorar, restaurar e renovar as instalacións facendo que sexa un edificio máis eficiente e respectuoso co medio ambiente. Así mesmo, a intervención tamén deberá potenciar a debida conservación e mantemento do ben e promover e impulsar o seu uso como recurso cultural e turístico.

Comparte