Nova: A Xunta anima a protexer e divulgar en Galicia e fóra dela o legado de Laxeiro no Día das Artes Galegas
01/04/2022
A Xunta anima a protexer e divulgar en Galicia e fóra dela o legado de Laxeiro no Día das Artes Galegas
A mostra organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) co apoio do Goberno autonómico inaugúrase na Coruña e visitará Ourense, Lugo e Lalín
Recolle unha escolma de fotografías de Xurxo Lobato, comisario da exposición, que reflicten distintos momentos do proceso creativo do artista lalinense
A vindeira semana celebrarase o acto institucional en Lalín onde tamén abrirá a gran exposición itinerante ‘Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970)’
A Coruña, 1 de abril de 2022.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da exposición Acción Laxeiro, organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) co apoio da Xunta que se abre ao público coincidindo coa celebración do Día das Artes Galegas na honra do artista lalinense.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo de manifesto a oportunidade da efeméride para protexer e divulgar o seu legado en Galicia e fóra dela. Enxalzou a Laxeiro como figura clave da arte galega, e un autor que, como indicou, “no seu momento renovou a creación galega sempre mantendo o seu selo propio, deixando unha importante pegada non só en Galicia, senón tamén en distintos puntos do estranxeiro”.
Trátase de características que quedan reflectidas na exposición inaugurada hoxe, baixo a mirada do fotógrafo Xurxo Lobato. Acción Laxeiro é unha mostra na que se fai un percorrido visual con distintos momentos do proceso creativo de Laxeiro. Permanecerá na sede da Real Academia Galega de Belas Artes da Coruña ata xullo. A continuación poderá verse en Ourense, Lugo e Lalín.
Ano completo de actividade
Anxo M. Lorenzo indicou que esta iniciativa se enmarca na extensa programación posta en marcha polo Goberno autonómico en colaboración con diferentes entidades, que incluirá propostas expositivas, académicas, audiovisuais e didácticas en distintos puntos de Galicia, así como en Madrid e París.
De feito, como avanzou, a próxima semana celebrarase en Lalín o día 8 o acto institucional do Día das Artes Galegas. Tamén se inaugurará na mesma localidade unha das principais apostas da programación, a exposición itinerante Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970), que se organiza en colaboración co Concello de Lalín co apoio de institucións tan relevantes como a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, na que se formou o pintor, o Instituto Cervantes ou a Embaixada de España en Francia. O Museo Ramón María Aller de Lalín será a primeira parada desta mostra, onde permanecerá hasta xuño. A seguinte estadía será en Madrid e de volta en Galicia, estará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia. Rematará, xa en xaneiro de 2023 no Instituto Cervantes de París.
A exposición reúne preto de medio cento de pezas procedentes de coleccionistas privados e diversas institucións que corresponden coa súa etapa de madurez. A esta mostra súmanse diferentes actividades como a celebración dun simposio no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e na sede da Real Academia Galega de Belas Artes na Coruña, coa participación de referentes das artes plásticas e da investigación académica que abordarán a figura de Laxeiro e o seu contexto cultural e social. O Ano Laxeiro tamén promove o legado do artista entre os máis novos con material divulgativo e didáctico que dispoñible para os centros educativos galegos, entre outras iniciativas.