Nova: A Xunta colabora coa asociación audiovisual CREA no ciclo ‘Conecta Lab’ de encontros en liña con profesionais do sector
04/04/2022
A Xunta colabora coa asociación audiovisual CREA no ciclo ‘Conecta Lab’ de encontros en liña con profesionais do sector
Este programa foi un dos principais puntos abordados na reunión que o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, mantivo cos representantes da directiva da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización
Ábrese o prazo de inscrición para acceder ás sete sesións desta iniciativa a través das que se achegarán diferentes perspectivas dos procesos creativos tanto no cinema como na televisión
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022.- O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, reuniuse co presidente e o secretario da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA, Fon Cortizo e Álvaro Gago, para abordar a implicación da Xunta de Galicia na organización do ciclo Conecta LAB de encontros profesionais en liña, entre outros temas de interese para o sector.
Esta colaboración insírese na liña de diálogo e traballo continuado que o departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén xunto coas principais entidades e colectivos representativos do audiovisual galego a prol dun mellor desenvolvemento profesional e impulso empresarial.
Inscrición gratuíta
O programa, que conta tamén co apoio da Fundación SGAE, articúlase arredor de sete sesións a través da plataforma Zoom, nas que 14 multifacéticos creadores compartirán diferentes perspectivas á hora de abordar o proceso creativo tanto no cinema como na televisión. CREA abre na súa web a inscrición para acceder, de xeito gratuíto, aos encontros que terán lugar en diferentes datas entre o 7 de abril e o 11 de xuño. Establécese un límite máximo de 100 persoas, con prioridade para as pertencentes á asociación.
A primeira das citas terá lugar o vindeiro xoves 7 de abril para afondar no financiamento, produción, distribución e venda de proxectos autorais da man da directora, guionista e produtora Andrea Jaurrieta, quen debutou coa premiada Ana de día. Seguiralle o 12 de abril unha mesa redonda sobre procesos creativos no cinema de animación cos realizadores Gabriel Bohmer, Khris Cembe e Camila Kater.
O 21 de abril será a quenda das series nunha sesión protagonizada por Claudia Costafreda e Mikel Rueda para detallar a súa experiencia en traballos como Cardo ou Veneno, respectivamente. Para rematar o mes, o día 28 desenvolverase outra mesa redonda coas creadoras Heidi Hassan, Patricia Pérez e Nuria Giménez sobre os procesos na non-ficción, no cinema do eu e na montaxe a partir de material de arquivo (found footage e collage animado).
Xa en maio, o día 19 Ana Pfaff e Ariadna Ribas, do colectivo Dostopos, deteranse na fase de montaxe e nos procesos de creación colectiva, e o día 26 Neus Ballús e Gerard Oms reflexionarán dende un punto de vista teórico sobre o traballo con actores e actrices naturais utilizando como base a experiencia conxunta no filme Sis dies corrents.
O actor, profesor e director teatral Víctor Duplá pechará o ciclo Conecta LAB cun obradoiro práctico sobre o traballo cos intérpretes, que se desenvolverá o 11 de xuño en horario de mañá e tarde.