Nova: ‘Primavera Endanza’ celebra o seu 20 aniversario en Carballo co apoio da Xunta a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

05/04/2022

‘Primavera Endanza’ celebra o seu 20 aniversario en Carballo co apoio da Xunta a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación desta nova edición, que se desenvolverá no Pazo da Cultura do 22 de abril ao 8 de maio

O público poderá gozar cos últimos espectáculos das compañías galegas Colectivo Glovo, Fran Sieira e Janet Novas xunto a Otradanza, de Alacante, e Da.Te Danza, de Granada
 

Carballo (A Coruña), 5 de abril de 2022.- A mostra Primavera enDanza de Carballo chega este ano á súa vixésima edición, para a que volve contar co apoio da Xunta de Galicia no cofinanciamento, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, dos cinco espectáculos programados este ano. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acompañou os responsables municipais e os representantes das compañías na presentación do ciclo, que se desenvolverá do 22 de abril ao 8 de maio no Pazo da Cultura.

Nesta nova entrega de Primavera enDanza, son tres as formacións galegas participantes: Colectivo Glovo, que abrirá a mostra o vindeiro día 22 con EM.NA, un espectáculo que afonda no carácter máis instintivo e intuitivo da natureza humana; Fran Sieira Compañía de Danza, que o día 23 porá en escena DeMente como un exercicio poético arredor da loucura, da diversidade e da liberdade, e Janet Novás xunto coa compositora e música Mercedes Peón na peza Mercedes máis eu o día 30.

Xa en maio, o día 6 será a quenda da compañía alacantina Otra Danza, que na montaxe Vigor Mortis proponlle ao público unha viaxe surrealista e traxicómica que mestura teatro xestual con danza. Desde Granada, chegará a Carballo o 8 de maio Da.Te Danza con Natanam, espectáculo infantil gañador do Premio Fetén 2021 ao acercamento da danza á primeira infancia.

Impulso durante 20 anos

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade sinalou a influencia positiva que na difusión da danza actual galega leva realizado a mostra carballesa durante as súas dúas décadas de celebración. Referiuse así mesmo ao “magnífico momento creativo” que vive Galicia neste ámbito artístico, con recoñecementos importantes tamén fóra da Comunidade, tales como os acadados no FETÉN de Xixón por Marta Alonso ou no Certame Coreográfico de Madrid.

Jacobo Sutil citou accións específicas da Xunta de Galicia cara ao fomento desta disciplina, tales como a reserva dunha dotación específica nas subvencións á creación escénica, o plan de coproducións que se canaliza a través do Centro Coreográfico Galego ou o apoio a residencias artísticas promovidas polas propias compañías.
“Hoxe podemos gozar de coidadas propostas de produción íntegra galega e de intérpretes individuais e colectivos que son quen de vertebrar programacións completas específicas e festivais monográficos sobre esta arte. Moitos destes profesionais traballan en ocasións a través dun interesante xeito colaborativo que está a dar resultados moi positivos no impulso de iniciativas que xuntan acompañamentos en procesos de creación, exhibición, formación e actividades complementarias arredor da danza”, expresou sobre o momento actual que vive a danza en Galicia.
Todas as funcións de Primavera enDanza terán lugar no Pazo da Cultura carballés, como espazo integrante da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as entidades locais xestoras dos seus arredor de 40 escenarios asociados. Como parte desta rede, Carballo acolleu durante este semestre outras seis funcións teatrais tanto para público adulto como infantil.
 

Comparte