Nova: Máis recursos para poñer en valor o conxunto histórico-artístico de Sargadelos
17/02/2015
Máis recursos para poñer en valor o conxunto histórico-artístico de Sargadelos
Cultura e o Concello de Cervo asinarán un convenio por importe de 30.000 euros destinado ao funcionamento e mantemento da Casa da Administración e á realización do proxecto expositivo do Museo Histórico de Sargadelos
A Xunta de Galicia é a única administración, co apoio do Concello de Cervo, que está a realizar investimentos na que constitúe unha das testemuñas máis singulares do patrimonio cultural e industrial de Galicia
Cervo (Lugo), 17 de febreiro de 2015.- Novos recursos para conservar e poñer en valor o conxunto histórico-artístico de Sargadelos. Así o ten previsto a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que, con este obxectivo, asinará este ano un convenio de colaboración co Concello de Cervo que terá por obxecto contribuír ao funcionamento e conservación da Casa de Administración, así como a realización do proxecto expositivo do Museo Histórico de Sargadelos.
A aprobación deste convenio tivo lugar hoxe no marco da reunión ordinaria do Padroado do Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, que se celebrou no municipio lucense de Cervo e que estivo presidida polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. Tamén participaron na reunión o alcalde de Cervo, Alfonso Villares; a xefa territorial de Cultura e Educación en Lugo, Carme Gueimunde; a xefa do servizo de Coordinación de Acción Cultural da Consellería, Yolanda Gómez; e a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez.
A Xunta de Galicia é a única administración que está a realizar investimentos no conxunto histórico-artístico de Sargadelos, co apoio do Concello de Cervo, que acometerá actuacións para o acondicionamento exterior da Casa da Administración, a través de labores de limpeza e mellora dos accesos.
O legado de Sargadelos
A Casa da Administración, convertida no Museo Histórico de Sargadelos, reúne todo tipo de pezas históricas da Real Fábrica de Louza e da actual Fábrica de Cerámica de Sargadelos. O museo tamén ofrece información sobre as distintas etapas históricas da Real Fábrica de Louza, sobre as materias primas e a elaboración das pastas para moldear as pezas, sobre a elaboración das formas e a súa tipoloxía ou sobre as coccións e a decoración das pezas.
O investimento de 30.000 euros que realizará este ano a Xunta de Galicia permitirán avanzar na conservación e posta en valor deste conxunto histórico-artístico, nacido da vontade de Isaac Díaz Pardo e de Luís Seonane de crear un lugar emblemático e pioneiro da creación artística e do rexurdir cultural de Galicia, preto do que foi o antigo complexo das fábricas de siderurxia e cerámica dos séculos XVIII e XIX de Sargadelos creado por Antonio Raimundo Ibáñez.
Un Ben de Interese Cultural
O pasado 22 de xaneiro, a Consellería de Cultura e Educación publicou no Diario Oficial de Galicia a Declaración de Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento, a Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, tal como establece o Decreto 171/2014, do 26 de decembro, aprobado polo Consello da Xunta.
Ademais de protexer e conservar este singular proxecto industrial, cultural e de identidade galega, a declaración como BIC contribúe, así mesmo, a poñer en valor e distinguir un conxunto industrial cunha gran significación arquitectónica, artística, científica, técnica e cultural único en Galicia, ao tempo que favorece a súa conservación a través da máxima protección legal.
A delimitación do complexo que establece a declaración como BIC inclúe o edificio circular de Andrés Fernandez-Albalat, a vivenda de Isaac Díaz Pardo, o Auditorio e Departamento de Arte e Comunicación, a Escola de Tecnoloxía e Laboratorios, a marquesiña ondulada de formigón do aparcamento, torres e pasarelas metálicas que comunican os edificios, o zócolo de pedra da ampliación da fábrica cos seus murais e esculturas de Díaz Castro, o depósito de auga-miradoiro, o edificio de tratamento de minerais, dous fornos experimentais e a Pía do Xunco co mosaico de Luís Seoane.
Ademais, a declaración BIC inclúe unha serie de pertenzas, accesorios e bens mobles e documentais vinculados especialmente ao conxunto que quedan tamén baixo protección, como os mosaicos de Luís Seoane no comedor do edificio circular, a escultura de tres caras de Díaz Pardo incrustada no muro da planta baixa da praza circular, a Táboa dos Irmandiños, os mobles deseñados por Díaz Pardo para o devandito edificio e o sistema de sinalización, obra de Isaac Díaz Pardo.