Nova: A Xunta inicia a restauración da locomotora coñecida como ‘Sarita’ para a súa integración no Museo Camilo José Cela

10/04/2022

A Xunta inicia a restauración da locomotora coñecida como ‘Sarita’ para a súa integración no Museo Camilo José Cela

O obxectivo é a musealización da peza principal do Museo do Ferrocarril, situado na casa natal do Nobel galego, en Padrón, cun investimento de 45.000 €

A iniciativa enmárcase no programa de accións conmemorativas impulsado polo Goberno galego co gallo do 20 aniversario do pasamento do escritor

Padrón (A Coruña), 10 de abril de 2022.- A Xunta inicia estes días o proceso de rehabilitación da locomotora coñecida como Sarita, que se realizará nun prazo de catro meses. O obxectivo é integrar esta peza principal do Museo do Ferrocarril, que forma parte do Museo Camilo José Cela, na museografía exterior deste espazo situado na casa natal do Nobel galego, en Padrón. A iniciativa enmárcase no programa de accións conmemorativas promovidas polo Goberno galego co gallo do 20 aniversario do pasamento de Cela.

Os traballos previstos, cun investimento de 45.000 €, consisten na limpeza e saneamento da estrutura e das partes menos afectadas para o posterior imprimado. As partes metálicas inservibles serán substituídas por unhas de chapa de ferro de calidade S275 con acabado decapado e un espesor adecuado á peza para reconstruír. As pezas novas suxeitaranse ao chasis da locomotora con parafusos de aceiro semellantes aos orixinais.

Tamén se reconstruirá a cabina de condución e incorporarase un novo caixón de carbón cunha porta de guillotina na súa parte inferior; colocaranse os novos laterais, a cubrición do fogar con porta abatible e o chasis do teito. A cuberta do teito cubrirase cun taboleiro composto de partículas e madeira e resinas de alta densidade. Por último, procederase ao selado das xuntas, imprimado de todas as pezas novas e pintado xeral da locomotora coas cores orixinais.

A maiores, restauraranse e limparanse todas as pezas de bronce como bucinas, reloxos de presión e temperatura, tubaxes de canalización de vapor e auga e o sombrerete superior da cheminea, que tamén recibirán un verniz especial para que non se altere o seu brillo natural. Os focos situados nas partes dianteira e traseira serán outras das pezas sometidas a este proceso de recuperación. Tras a colocación de todos os elementos restaurados, substituiranse as barras de pasamáns colocadas polos laterais da caldeira, cunhas novas de aceiro inoxidable pulido con brillo.

Ano conmemorativo de Cela

A recuperación da locomotora Sarita forma parte do conxunto de accións promovidas pola Xunta arredor da figura e do legado de Camilo José Cela con motivo da conmemoración do 20 aniversario do seu pasamento. Neste marco, ao longo de 2022 desenvolveranse diversos proxectos expositivos, xornadas académicas en Madrid e Cataluña e outras actividades divulgativas a prol do achegamento da cidadanía á vida e obra do escritor.

Comparte