Nova: Escenas do cambio acolle a estrea europea de Acceso, última obra de Pablo Larraín

13/02/2015

Escenas do cambio acolle a estrea europea de Acceso, última obra de Pablo Larraín

O cineasta chileno trae ata o Gaiás unha obra realista e dura, cos abusos sexuais como trasfondo, con Roberto Farías, un dos máis grandes actores de Latinoamérica, como único protagonista

  • 'Acceso', última obra de Pablo Larraín 'Acceso', última obra de Pablo Larraín

Santiago, 13 de febreiro de 2015.- A Cidade da Cultura acolle hoxe a estrea en Europa de ‘Acceso’, obra do chileno Pablo Larraín, director da mítica película ‘NO’ e que este mes de febreiro formará parte da competencia oficial na Berlinale coa súa última fita ‘El club’. No marco do festival Escenas do cambio, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Larraín presenta unha historia dura protagonizada por Roberto Farías, recoñecido como un dos máis grandes actores de América latina.

‘Acceso’ representarase hoxe venres e mañá sábado ás 20:30 horas na Sala I do Museo Centro Gaiás con Sandokan, vendedor ambulante nun bus do Transantiago, como protagonista. Larraín preséntanos a un gladiador urbano que rebela sinais profundos dun lugar de vida, dor e goce, acompañado dunha linguaxe lumpen, atroz e poética á vez. Cos abusos sexuais como trasfondo, ‘Acceso’ é unha peza difícil e atrainte creada e interpretada en xerga ‘coa’, variante chilena do castelán.

A xornada de mañá comezará as 17 horas, coa segunda función de ‘La máquina de la soledad. Teatro de objetos documental’, de Oligor e Microscopía, unha poética homenaxe ao obxecto-carta e ao correo postal.

E ás 18:30 horas, ‘Mis Documentos’, o ciclo de conferencias performativas comisariado pola arxentina Lola Arias, terá como protagonistas a dous artistas galegos: Diego Anido e Uxía P. Vaello. Deste xeito, Diego Anido sacará a relucir extranos segredos familiares en ‘La piel de mi familia’, mentres que a coreógrafa Uxía P. Vaello tratará de descubrir por que o seu avó José Vaello, un republicano atípico, estivo detido na Illa de San Simón.

 

Comparte