Nova: Preto de 30 entidades galegas mellorarán os seus fondos documentais coas axudas para arquivos da Xunta
13/04/2022
Preto de 30 entidades galegas mellorarán os seus fondos documentais coas axudas para arquivos da Xunta
Os 145.000 euros previstos para a medida distribuiranse entre 20 entes locais e sete entidades sen fin de lucro, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia
As contías outorgadas destinaranse á realización de actividades de descrición dos documentos segundo a metodoloxía arquivística, co obxectivo de garantir unha custodia responsable e o acceso da cidadanía
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2022.- Preto de 30 entidades galegas mellorarán os seus fondos documentais ao abeiro das axudas da Xunta destinadas á colaboración no financiamento de actuacións en materia de arquivos. Segundo a listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, 20 son entes locais e sete, entidades sen fin de lucro.
A medida representa un orzamento total de 145.000 euros, dos que 110.000 se destinan aos entes locais e 35.000 ás entidades sen fin de lucro. Realizaranse actividades de descrición dos documentos segundo a metodoloxía arquivística co obxectivo de garantir unha custodia responsable e o acceso da cidadanía.
Os entes locais beneficiarios son Abegondo, Muxía, Zas, Ordes, Rois, Ribeira, As Pontes de García Rodríguez, Pontedeume, Valdoviño e Narón, na provincia da Coruña; A Pastoriza, A Pontenova, Cervantes, Chantada, Samos, na de Lugo; e Avión, Entrimo, Lobios, Parada de Sil e Vilariño de Conso, na de Ourense.
Canto ás entidades sen ánimo de lucro, recibirán axudas o Arcebispado de Santiago, a asociación Real Coro Toxos e Froles e a Fundación Exponav, ambas de Ferrol; a Fundación Manuel María, con sede en Lugo; as fundacións Isla Couto e Penzol, en Vigo, e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega).
Axudas de ata 6.000 euros
Todas as entidades beneficiarias deben contar cun local estable destinado a arquivo e custodiar fondos documentais constitutivos do patrimonio cultural de Galicia. As contías outorgadas van desde os 2.400 aos 6.000 euros, axuda máxima prevista e que en ningún caso pode superar o 80% do investimento total aprobado.
A axudas enmárcanse no traballo da Xunta de Galicia por mellorar e impulsar as infraestruturas culturais galegas e garantir o acceso á cultura a todos os galegos. Neste sentido, mantense unha liña constante de apoio ás entidades e aos concellos galegos que se completa con iniciativas para que os municipios se doten dos medios necesarios para executar as súas programacións.