Nova: Os museos da Xunta suman máis de 10 exposicións temporais para visitar nesta Semana Santa
14/04/2022
Os museos da Xunta suman máis de 10 exposicións temporais para visitar nesta Semana Santa
— ‘O Camiño portugués. Memoria de mar e pedra’ despídese esta fin de semana na Cidade da Cultura, onde vén de abrir ‘Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924-2020’ con pezas de Man Ray, Salvador Dalí ou Le Corbusier, entre outros
— O Museo de Belas Artes na Coruña acolle ‘Hoxe toca o Prado’, unha iniciativa do Museo do Prado para achegarlles ás persoas con discapacidade visual obras representativas
— Súmanse as mostras dos fondos propios, visitas guiadas e obradoiros familiares para achegarse á a arqueoloxía, a vinculación de Galicia mar, as tradicións populares ou a cultura do viño
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2022-. O conxunto de museos galegos xestionados pola Xunta ofrece máis de 10 mostras temporais que se poden visitar nesta Semana Santa, ademais dos fondos propios expostos. A elas súmanse tamén visitas guiadas e obradoiros familiares, entre outras propostas programadas, coas que as persoas que visiten estes espazos poderán achegarse a ámbitos tan diversos como a arqueoloxía, a arte contemporánea, a vinculación do pobo galego co mar, as tradicións populares ou a cultura do viño. A información sobre as actividades, horarios e requisitos para participar pode consultarse nas respectivas webs e redes sociais.
Museo Centro Gaiás
O Museo Centro Gaiás, situado na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle na actualidade dúas exposicións arredor das rutas xacobeas. Esta fin de semana é a última oportunidade para ver O Camiño portugués. Memorias de mar e pedra, un proxecto expositivo e editorial que retrata realidades e paisaxes da ruta que lle dá nome. Tamén pode verse Xacobeo. As pegadas do Camiño, cunha selección de pezas significativas que poñen de manifesto o impacto do Camiño na construción de Europa.
A elas súmase a recén inaugurada Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, 1924-2020, en colaboración coa Fundación ‘la Caixa’, composta de icónicas obras de artistas como Man Ray, Salvador Dalí ou Le Corbusier, así como de grandes nomes do deseño contemporáneo. Agás o luns, no que o museo está pechado, haberá a diario visitas comentadas a todas as mostras e o programa conmemorativo dos dez anos do espazo Baixo a pel do museo, cun percorrido polas entrañas e os recantos agochados do edificio.
Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)
Pola súa banda, o Centro Galego de Arte Contemporánea, (CGAC) expón na actualidade tres mostras, con Wunderkammer, na que o galego Suso Fandiño reflexiona sobre o social a partir da descontextualización e desorganización dos produtos da sociedade de consumo, Cruzamentos na arte galega da colección CGAC, cunha selección de fondos propios caracterizada pola diversidade e a riqueza plástica, e Buen Gobierno, da peruana Sandra Gamarra Heshiki, sobre a relación histórica e artística entre España e Perú.
Ademais do acceso libre nos horarios de apertura do museo, todos os domingos ás 12,00 horas hai visitas guiadas ás exposicións para as que non é preciso inscrición previa. Os sábados e domingos pódese solicitar tamén o acceso á terraza, ás 13,00 horas.
Museo das Peregrinacións e de Santiago
Tamén en Compostela, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, ademais de fondos propios que representan un amplo percorrido pola peregrinación como fenómeno universal, polo Camiño de Santiago e pola vinculación coa cidade compostelá, ofrece a exposición temporal Destino, con fotografías de Manuel Valcárcel Cabo, coñecido como Piro, que reflicten unha peregrinación interior por catro continentes.
Museo de Belas Artes
Na Coruña, o Museo de Belas Artes como proposta expositiva temporal, acolle Hoxe toca o Prado, unha iniciativa do Museo Nacional do Prado para achegarlles ás persoas con discapacidade visual obras representativas da súa colección reproducidas en relevo. A maiores, a través das súas salas pódese gozar de pinturas e esculturas, con temática relixiosa, mitolóxica, rexionalista ou de vangarda, entre outras. Tamén unha selección dos gravados de Goya e figuras de Sargadelos.
Museo do Castro de Viladonga
As persoas interesadas en achegarse á arqueoloxía teñen diferentes posibilidades no territorio galego, nas que se poden combinar visitas a xacementos e a centros de interpretación. No concello lugués de Castro de Rei sitúase o Museo do Castro de Viladonga, que afonda na cultura castrexa tras a conquista romana. Tamén é posible coñecer os aspectos máis relevantes e enigmáticos dos castros en Galicia en Ourense, co Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa Lansbrica, en San Cibrán de Las.
Ademais, neste mesmo espazo, pódese contemplar a mostra Fondos Pétreos instalada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, de temática variada e composta por pezas fundamentalmente pétreas e de gran formato. Xa na cidade de Ourense, o Museo Arqueolóxico conta coa sala de exposicións de San Francisco, onde se pode ver unha selección de esculturas da súa colección.
Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro
Por outra banda, no concello pontevedrés de Campo Lameiro está o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, que ademais do percorrido libre para ver os petróglifos e o centro de interpretación, ofrece unha programación especial pola Semana Santa para todos os públicos. Así, haberá a diario os obradoiros familiares Píos miúdos, nos que se combina a arqueoloxía co coñecemento das aves, e visitas guiadas, así como a posibilidade de achegarse á exposición temporal A primeira arte de Europa vista polos europeos do futuro. A maiores, o sábado 16 e o domingo 17, haberá andainas de tres quilómetros. Ao longo destes días haberá tamén a posibilidade de realizar o escape room O segredo oculto do labirinto baixo demanda.
Centro Arqueolóxico Salinae
No centro da cidade de Vigo sitúase o Centro Arqueolóxico Salinae, a única salina mariña de evaporación solar do Imperio Romano conservada e musealizada. Nel pódese descubrir o interesante mundo do sal, a súa historia e algúns dos sistemas empregados para a súa obtención, así como os diferentes usos que lle deron os romanos. Ademais, este espazo organiza todos os sábados e domingos de abril a visita guiada Baixo os nosos pés e o día 16, o obradoiro familiar Os fogóns de Apicus, para descubrir as artes culinarias do pasado.
Museo Etnolóxico de Ribadavia
As tradicións populares e a cultura do viño centran as visitas dos dous museos de xestión autonómica situados no concello ourensán de Ribadavia. Trátase do Museo Etnolóxico, que ofrece unha ampla tipoloxía de fondos de interese etnográfico, procedentes sobre todo do contexto rural e vilego, nos que destacan as pezas cerámicas e téxtiles, e os arquivos fotográficos, orais e audiovisuais. Nesta mesma localidade, o Museo do Viño de Galicia dedica as súas oito salas ao cultivo da vide e ao proceso produtivo do viño ao longo da historia en Galicia, ademais de acoller a exposición Etiquetas dos viños de Galicia.
Museo do Mar de Galicia
Ademais do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre, a provincia de Pontevedra acolle os dous museos da Xunta que afondan na vinculación histórica do pobo galego co mar, o Museo do Mar de Galicia, situado en Vigo, e o Museo Massó, situado en Bueu.
O Museo do Mar de Galicia ofrece a través das súas salas un percorrido pola actividade pesqueira en todos os seus ámbitos e conta tamén cun acuario no que se poden observar os ecosistemas das costa, da ría e das Illas Atlánticas. Ofrece todas as fins de semana actividades para público familiar, este mes co obradoiro A vida no castro, os sábados, e a visita guiada Un paseo polo mar, os domingos. Na actualidade tamén acolle a exposición temporal de pintura Sincronía-tempo e xesto, con obras de Ana Pérez Ventura e Gonzalo Sellés Lenard.
Museo Massó
Pola súa banda, o Museo Massó, instalado nas antigas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos combina o patrimonio marítimo e industrial co espírito erudito do coleccionismo doutra época. Nas súas salas poden contemplarse embarcacións tradicionais da ría de Pontevedra e pezas relacionadas tanto coa navegación e disciplinas relacionadas como coa actividade industrial da familia Massó.