Nova: Unha instalación sonora inmersiva xurdida nas residencias artísticas da Xunta protagoniza o arranque do Festival de Música Contemporánea Resis

21/04/2022

Unha instalación sonora inmersiva xurdida nas residencias artísticas da Xunta protagoniza o arranque do Festival de Música Contemporánea Resis

No marco do festival presentouse a obra ‘THE SELECTOR’ de Igor Silva e ARXIS Ensemble, que xoga coa idea de facer desaparecer o espazo e o tempo, e que se poderá ver na Cidade da Cultura de Galicia ata maio

Anxo M. Lorenzo refírese á capacidade da fórmula das residencias artísticas da Cidade da Cultura de Galicia para fomentar o intercambio e impulsar proxectos de vangarda contemporánea
 

A Coruña, 21 de abril de 2022.- A experiencia inmersiva THE SELECTOR, xurdida no marco das Residencias Artísticas da Cidade da Cultura de Galicia, protagonizou hoxe a inauguración do Festival de Música Contemporánea RESIS, a iniciativa organizada pola Asociación Cultural Aïs co apoio da Xunta que se celebrará ata xuño na Coruña con diferentes propostas de vangarda, concertos, mesas redondas e máster class.

Esta peza foi presentada hoxe no marco do festival RESIS e poderá ser visitada na Cidade da Cultura de Galicia. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na apertura do festival no que puxo de manifesto o papel de iniciativas como esta para contribuír á “proxección profesional e ao contacto co público” dos novos creadores. Neste sentido, valorou o traballo dos artistas residentes autores da peza presentada hoxe que, indicou, “son boa mostra de que a fórmula das residencias artísticas para apoiar aos creadores impulsa a súa creatividade, fomenta o intercambio e dá como resultado moi interesantes traballos de vangarda e creación contemporánea”, indicou.

A peza é THE SELECTOR, unha instalación sonora inmersiva que xoga coa idea de facer desaparecer o espazo e o tempo e que desde mañá se poderá experimentar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura no marco da programación do Festival RESIS. É obra do compositor portugués Igor Silva e ARXIS Ensemble. Preséntase nun espazo a oscuras no que o público experimentará un xogo de percepción audiovisual, no que as imaxes e a música interactúan cos movementos do público na sala.

Unha das súas singularidades é que a instalación está constantemente recibindo información do exterior a través de páxinas web. A información será procesada para xerar material visual que será proxectado nas pantallas.

Interacción co público

A proposta de Igor Silva e ARXIS Ensemble inclúe varios sensores por toda a sala que capturarán os movementos do público asistente. Estas vibracións serán procesadas de forma que manipulen o material auditivo e visual, creando unha clara relación entre a interacción do público e unha reflexión audiovisual. Ao mesmo tempo, unha cámara dixital estará constantemente capturando os movementos do público mentres pasean polo espazo, transformando os seus movementos en son e imaxe. O público poderá interactuar e mergullarse neste sistema interactivo dixital. Poderá visitarse na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, ata o 1 de maio.

Esta proposta artística abre así a programación do Festival RESIS que reunirá ata xuño na Coruña destacados intérpretes nacionais e internacionais en distintos concertos, mesas redondas ou máster class e que incluirá, ademais, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades. Ademais, o Museo de Belas Artes acollerá o 8 de maio o concerto COLD TRIP de Lab 51, que suporá a estrea en España de varias pezas musicais pertencentes a Georges Aperghis e Yoko Ono, entre outros artistas. Todas a programación pode consultarse en www.resisfestival.com.
 

Comparte