Nova: Román Rodríguez anuncia un investimento de 4,8 M€ nas industrias culturais galegas a través das próximas convocatorias da Xunta
23/04/2022
Román Rodríguez anuncia un investimento de 4,8 M€ nas industrias culturais galegas a través das próximas convocatorias da Xunta
Reuniuse cos representantes dunha vintena de entidades e compañías do sector musical para avanzarlles unha liña extraordinaria de axudas ao talento neste ámbito, dotada con 1,2 M€ no marco do Hub Audiovisual da Industria Cultural
O conselleiro adiantoulles outras dúas inminentes convocatorias no ámbito cultural ás que tamén poden optar propostas musicais, como a posta en marcha de Territorio Cultura cunha primeira achega de 630.000 euros e as subvencións á distribución de espectáculos con 460.000 euros, dos que a metade corresponde á música
Activaranse a segunda quenda do fondo para atracción de rodaxes cun orzamento de 2M€ e as subvencións para o desenvolvemento de videoxogos con 500.000 euros
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2022 As industrias culturais galegas son as destinatarias dun investimento de preto de 4,8 millóns de euros, que a Xunta de Galicia canalizará a través de cinco convocatorias de subvencións que serán publicadas ao longo das próximas semanas. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, quen recibiu na Cidade da Cultura de Galicia unha representación da industria musical galega para lle avanzar os detalles dunha destas liñas de axudas, especificamente dirixida ao desenvolvemento e promoción do talento musical galego e que suporá unha inxección económica directa de 1,2 millóns de euros, sen precedentes neste ámbito.
Articularase como unha convocatoria da Xunta de Galicia a través do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural, que se abre deste xeito ao sector da música despois de ter posto en marcha varias accións específicas para o audiovisual e os videoxogos. Dentro deste mesmo programa extraordinario, está prevista a inminente publicación da segunda quenda do fondo de atracción de rodaxes cun orzamento de 2M€, así como dunha orde de subvencións para o desenvolvemento de videoxogos con 500.000 euros,
O conselleiro anunciou, así mesmo, outras dúas próximas convocatorias de axudas no ámbito cultural, das que tamén se poderán beneficiar empresas e proxectos musicais. Dunha banda, a creación do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas rurais. Esta nova vía de apoio arrancará cunha dotación inicial de preto de 630.000 euros e terá continuidade a finais deste mesmo ano cunha segunda convocatoria polo mesmo importe. Doutra banda, a publicación o 29 de abril da convocatoria anual de axudas ás actividades de distribución para as industrias culturais, cun fondo de 460.000 euros, dos que a metade corresponde á música.
Representación do sector musical
Xunto co conselleiro, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Patricia Hermida, interviñeron tamén nesta xuntanza cos responsables doutras vintena de entidades e empresas do sector, como Músicas ao Vivo, Idea Rock, Culturactiva, Esmerarte, la Yogurtera, Luneda, Mirmidón, Nalgures, Nordesía ou Playplan, entre outras.
Román Rodríguez explicou as bases da nova liña de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, especificamente dirixida a profesionais autónomos ou empresas musicais de Galicia para o desenvolvemento e promoción tanto de solistas e grupos como de proxectos colaborativos entre cando menos catro deles. Esta convocatoria é o resultado dun proceso de diálogo aberto co sector a través de AGEM, en representación das principais empresas de management e axencias artísticas galegas, co obxectivo de apoiar toda a cadea de valor que permite o desenvolvemento do talento artístico musical.
Neste sentido, o titular de Cultura, Educación e Universidade do Goberno galego incidiu en que se trata dunha convocatoria extraordinaria, que terá alcance nos anos 2022 e 2023, dando un salto cuantitativo e cualitativo respecto a anteriores axudas específicas para este sector, dirixidas maioritariamente á organización de eventos e á produción discográfica.
Desta volta, búscase promover directamente o talento artístico en todas as súas fases, financiando ata o 70% dos gastos de cada proxecto relacionados con produción, comercialización e márketing, promoción e comunicación, distribución dixital, concertos e xiras, consultaría e persoal, entre outros.
Actividade maioritaria en Galicia
Con tal fin, establécense dúas categorías de propostas subvencionables: a modalidade A para proxectos musicais unitarios arredor dun só artista, xa sexa solista ou grupo, e a modalidade B para proxectos arredor dun mínimo de catro solistas ou bandas. No primeiro dos casos establécese unha axuda máxima de 40.000 euros por solicitude, mentres que no segundo este límite ascende a 200.000 euros. En ambos, a actividade dos artistas implicados debe desenvolverse maioritariamente en Galicia.
A música pasa a integrarse así nas liñas de acción deseñadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no marco do seu Hub, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais galegas ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
Reforzo do tecido cultural no rural
Pola súa banda, o novo Territorio Cultura forma parte das iniciativas que a Xunta está a poñer en marcha ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. A súa prioridade é o reforzo do tecido cultural galego máis alá dos grandes núcleos urbanos a través de iniciativas que se desenvolvan do 1 de xaneiro de 2022 ao 31 de marzo de 2023 en concellos de non máis de 30.000 habitantes e cunha densidade máxima de 100 habitantes por km2.
Subvencionaranse, entre outros, eventos e espectáculos nunha ampla variedade de manifestacións artísticas, proxectos que favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural cunha concreción práctica no territorio, actividades relacionadas co patrimonio inmaterial en conexión coas tendencias contemporáneas e accións educativas e de mediación cultural.
En canto ás axudas á distribución de espectáculos, trátase dunha das liñas habituais do programa anual de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais. A través dela, en 2021 adxudicáronse 460.000 euros para o desenvolvemento de máis de 500 funcións escénicas, concertos e accións de promoción en diferentes localidades do resto de España e doutros nove países.