Nova: O Programa da Xunta de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas chegará este ano a 188 concellos

24/04/2022

O Programa da Xunta de dinamización da lectura nas bibliotecas públicas chegará este ano a 188 concellos

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución de ‘Ler Conta Moito’, as axudas á programación de actividades que se desenvolverán en 235 centros bibliotecarios

No catálogo de propostas que poderán ofertar hai obradoiros creativos, contacontos, accións con tecnoloxía, música, maxia ou teatro, entre outras

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2022 O programa de dinamización da lectura nas bibliotecas galegas Ler Conta Moito chegará este ano a un total de 188 concellos, que programarán actividades en 235 centros da Rede de Biblioteca Públicas de Galicia. A Xunta de Galicia vén de resolver a convocatoria de axudas deste ano para a que o Goberno galego destina un total de 195.000 euros.

 

Con esta medida posibilítase que os concellos programen un mínimo de dúas actividades polas que poderán recibir unha achega que cubra ata o 75% dos gastos. As bibliotecas públicas poderán realizar as actividades sobre a base do catálogo Ler conta Moito 2022, de animación á lectura, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten dispoñible na web. Este ano inclúe obradoiros creativos, narración oral e contacontos, actividades de escape room na biblioteca, así como dinamización a través da tecnoloxía, música, maxia ou teatro, entre outras.

 

A Xunta de Galicia continúa así impulsando este programa de dinamización que se desenvolve en colaboración cos concellos e que se consolida como ferramenta para  a promoción da lectura. O ano pasado ao abeiro deste programa beneficiáronse 180 concellos que programaron máis de 700 actividades en 223 bibliotecas galegas.  

 

Máis de 2 millóns de euros

Esta medida inclúese no traballo da Xunta para fortalecer o sistema bibliotecario galego cun orzamento de 2,1 millóns de euros para a actualización das coleccións e dotación de recursos electrónicos, mellora de infraestruturas dos concellos e para formación, entre outras. Ademais, a Xunta reforzará servizos e a atención de proximidade no marco do segundo Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, a ferramenta a disposición dos concellos para identificar necesidades de cada municipio. As bibliotecas son tamén parte central da nova campaña institucional de fomento e promoción da lectura, que a Xunta vén de poñer en marcha para promover estes hábitos entre todos os públicos.

Comparte