Nova: A exposición itinerante da Xunta ‘100% María Casares. O teatro é o refuxio’ inicia a súa andaina en Compostela

26/04/2022

A exposición itinerante da Xunta ‘100% María Casares. O teatro é o refuxio’ inicia a súa andaina en Compostela

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración desta nova mostra integrada no programa conmemorativo do centenario da artista

Salienta que esta efeméride está a ser “a oportunidade de crear un espazo e un tempo en Galicia para esta muller de vida extraordinaria, que percorreu o mundo enriba dos escenarios”

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2022.- O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración en Santiago da exposición 100% María Casares. O teatro é o refuxio promovida pola Xunta no marco da programación conmemorativa do centenario da artista organizada polo Goberno autonómico. Trátase dunha mostra itinerante comisariada por Arancha Estévez Lavandeira, que permanecerá na rúa Xoán XXIII da cidade compostelá ata finais de maio. Concibida para a súa instalación no exterior, logo desprazarase a diferentes espazos de Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, onde rematará en novembro.

Segundo destacou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a iniciativa busca contribuír a divulgar a relevancia da figura de María Casares e do seu legado entre a poboación. “O seu centenario é a oportunidade de crear un espazo e un tempo en Galicia para esta muller de vida extraordinaria, que percorreu o mundo enriba dos escenarios”, apuntou. 

A mostra afonda nas diferentes facetas da actriz e en aspectos curiosos e menos coñecidos da súa traxectoria para presentarnos a artista nacida en Galicia como “unha das grandes figuras do teatro internacional do século XX”. A instalación en exteriores concorridos de Ferrol, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense facilita o achegamento de María Casares a unha maior cantidade e diversidade de público.

Unha estrela en cinco paneis

A exposición artéllase arredor de cinco grandes paneis situados en forma de estrela arredor de diferentes temáticas relacionadas coa traxectoria persoal e profesional de María Casares. Tras un primeiro panel introdutorio, abórdase a familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz, A Coruña e Madrid, así como o exilio a París.

Tamén se afonda na experiencia de María Casares na gran pantalla, a súa relación con Albert Camus, e a súa entrega ao teatro. O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O panel elixido como epílogo, Con Galicia quero estar en desorde…, céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París. 

Programación en distintos territorios

A exposición 100% María Casares. O teatro é o refuxio contribúe a difusión desta figura en todo o territorio galego e súmase ás iniciativas coas que arrincou a programación conmemorativa da Xunta co gallo do centenario da actriz, ambas con escenarios na Coruña. Trátase do ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, que se está a desenvolver no Museo de Belas Artes ata finais de ano, e da mostra María Casares, residente privilexiada, aberta na biblioteca da Xunta Miguel González Garcés con 200 fondos propios e que permanecerá no espazo bibliotecario ata final de ano. 

Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, as actividades previstas inclúen ademais “propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán a pegada histórica de Casares en diferentes plataformas e linguaxes”. Trátase de proxectos deseñados en colaboración con diversas entidades, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes ou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entre outras, e que se estenderá máis aló de Galicia, con accións en Madrid e París.

Comparte