Nova: A Xunta abre a convocatoria para coproducir tres espectáculos de danza co seu Centro Coreográfico

28/04/2022

A Xunta abre a convocatoria para coproducir tres espectáculos de danza co seu Centro Coreográfico

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 54.000 euros á nova edición desta iniciativa, inserida no programa de apoio ao sector que mañá conmemora o seu Día Internacional

Coincidindo con esta celebración, a Rede Galega de Teatros e Auditorios programa esta semana media ducia de pezas coreográficas
 

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2022.- A Xunta de Galicia publica hoxe a convocatoria do proceso de selección de tres espectáculos de danza, en calquera das súas modalidades, dentro do programa anual de coproducións do Centro Coreográfico Galego. Disponse para este fin dun orzamento máximo de 54.000 euros, establecéndose un límite de 18.000 euros por proxecto.

 

Segundo as bases dispoñibles na web da Axencia Galega das Industrias Culturais, esta iniciativa diríxese a profesionais e empresas dedicadas de xeito profesional á produción escénica, que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. A achega económica materializarase a través de cadanseu contrato de coprodución e non poderá superar o 80% do orzamento total do proxecto presentado. As propostas beneficiarias poderán dispoñer, así mesmo, da sala de ensaios da sede do Centro Coreográfico na Coruña.

 

Prazo de 20 días naturais

O prazo de solicitude dará comezo mañá e estenderase durante 20 días naturais, mentres que o de execución será de 12 meses desde a sinatura do contrato. Neste período deberá levarse a cabo un mínimo de dúas representacións do espectáculo, ademais da súa función de estrea.

 

Unha comisión será a encargada de valorar as solicitudes, de acordo cun baremo de puntuacións que se aplicarán ás memorias tanto do proxecto como da traxectoria profesional do seu equipo artístico e que terá en conta tamén a porcentaxe económica solicitada sobre o orzamento total.

 

O obxectivo deste programa de coproducións, promovido por sexto ano consecutivo a través dunha convocatoria pública, é favorecer a produción de danza en todas as súas modalidades, impulsar a creación de espectadores para esta disciplina escénica e  consolidar produtos culturais competitivos que xeren retorno. Con tal fin, nestes anos contribuíuse á produción dunha quincena de espectáculos como da compañía Elahood, Credo de Nova Galega de Danza, Tabú de Colectivo Glovo, Festina lente de Andrea Quintana, Tres tristes 2.0 de Kirenia Danza ou Umbral de Javier Martín, citando só os que viron a luz nas últimas dúas temporadas.

 

Día Internacional da Danza

Esta convocatoria publícase na véspera da celebración do Día Internacional da Danza, conmemoración á que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén se suma con outras iniciativas como a súa colaboración co festival 9coreógrafas da Estrada ou a media ducia de espectáculos coreográficos programados nestas datas no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que durante todo o semestre acollerá preto de 30 representacións encadradas na danza e as artes do movemento.

 

Este circuíto, promovido pola Xunta en colaboración coas entidades locais que xestionan os espazos asociados, ofreceu esta mesma mañá no Pazo da Cultura de Narón un pase da peza didáctica Gaia, de Entremáns. O propio Día da Danza celebrarase mañá no Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros con Leira, de Nova Galega de Danza, e no Auditorio Municipal de Vigo con DeMente, de Fran Sieira Compañía de Danza. O sábado 30 tamén haberá danza en Vimianzo, que acollerá o devandito espectáculo Leira na súa Casa da Cultura, no Teatro Rosalía Castro da Coruña con Tabú, de Colectivo Glovo, e no Pazo da Cultura de Carballo con Mercedes máis eu, no que se xuntan os talentos creativos da coreógrafa Janet Novas e a compositora Mercedes Peón. Esta última proposta é unha das cinco que conforman a vixésima edición da mostra carballesa Primavera en Danza, cofinanciada pola Xunta mediante esta Rede.

 

Ademais, a danza sitúase entre as prioridades do departamento de Industrias Culturais da Xunta a través doutra serie de accións propias, como os traballos de elaboración do Plan Integral para a Danza de Galicia ou a modalidade específica dentro da convocatoria anual de subvencións á creación escénica, ademais de continuar co apoio económico a programas de iniciativa privada como as Residencias paraíso de Colectivo RPM e Atopémonos bailando de Colectivo Glovo, entre outros.

Comparte