Nova: Un blog recolle o proceso de produción de Xardín suspenso
23/02/2015
Un blog recolle o proceso de produción de Xardín suspenso
A última proposta do Centro Dramático Galego estase a ensaiar no Salón Teatro de Santiago, onde se estreará o venres 13 de marzo
Cándido Pazó dirixe esta versión da obra de Abel Neves, que interpretan César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos
Xa está operativa a venda anticipada de entradas para as 12 funcións para público xeral que se desenvolverán ata finais de marzo na sede da compañía pública
Santiago, 23 de febreiro de 2015.- O Centro Dramático Galego (CDG) acaba de poñer en marcha o blog do espectáculo Xardín suspenso para compartir co público o proceso de produción desta versión da obra do autor portugués Abel Neves, que a unidade teatral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estreará no Salón Teatro de Santiago o venres 13 de marzo.
Neste mesmo espazo atópase o equipo artístico e técnico da montaxe que, co director de escena Cándido Pazó á fronte, encara xa a recta final dos ensaios. Xunto a el están a traballar o escenógrafo Carlos Alonso, o iluminador Afonso Castro e o compositor Manuel Riveiro, ademais do elenco que integran César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos. Estes seis actores e actrices son os encargados de lle dar vida aos personaxes dun texto que, en palabras do propio director, “remexe no microcosmos das relacións familiares” para expoñer “a historia de algo tan trivialmente dramático como unha promesa de amor incumprida”.
Claves da obra
Estas son algunhas das claves que nos achega Cándido Pazó a través do texto co que arranca hoxe a actividade do blog, aberto no enderezo http://blogs.xunta.es/xardinsuspenso. Mediante esta iniciativa promocional, que o Centro Dramático iniciou o ano pasado cos seus espectáculos Longa viaxe cara á noite e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, o público poderá estar ao tanto das principais novidades e curiosidades arredor da creación, estrea e xira desta montaxe. Incluiranse igualmente recursos gráficos e materiais complementarios, así como as ferramentas didácticas dirixidas aos mestres e alumnos que asistan aos pases programados con centros educativos.
Tanto desde o blog como desde o web do CDG facilitarase tamén o acceso ás plataformas de venda de entradas en liña durante o período de distribución de Xardín suspenso, que xirará por Galicia e Portugal ata finais de maio. Nestes momentos, xa está operativa a través de http://entradas.abanca.com a venda anticipada dos billetes para a ducia de funcións para público xeral que terán lugar no Salón Teatro ata o 29 de marzo.