Nova: Xesús Fraga, María Canosa, Alba Cid e Laura Romero levan a literatura e a ilustración galega á Feira do libro de Bos Aires
29/04/2022
Xesús Fraga, María Canosa, Alba Cid e Laura Romero levan a literatura e a ilustración galega á Feira do libro de Bos Aires
A Xunta organiza distintas accións que, ademais de promover as letras no exterior, as divulgan entre os lectores máis novos en centros educativos
A embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso, visita hoxe o expositor galego xunto ao secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo
Ademais, hai unha presenza destacada de publicacións xuvenís, coa participación de Víctor Mascato, da editorial Triqueta Verde, dedicada a literatura infantil
A participación de Galicia na feira especializada máis importante de Latinoamérica permanecerá ata o 16 de maio con máis dunha vintena de actividades e unha promoción permanente das letras galegas no expositor institucional
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022.- Os escritores Xesús Fraga e María Canosa e a ilustradora Laura Romero protagonizan a programación da Xunta de hoxe na Feira Internacional de Bos Aires, que estes días pon o foco nas actividades profesionais de promoción no recinto feiral e no público escolar para fomentar e divulgar a literatura galega entre os lectores máis novos.
En concreto, a escritora e divulgadora cultural María Canosa ofrece hoxe unha conversa co alumnado de primeiro curso de secundaria do Colexio Santiago Apóstol no que falará da súa obra, das súas fontes de inspiración e dos personaxes a quen dá voz e por que. O acto contará coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.
Súmase ás actividades levadas a cabo onte pola poeta galardoada co Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández Alba Cid, cun recital comentado da súa obra Atlas no mesmo centro educativo, onde nos vindeiros días tamén participarán o Premio Nacional de Narrativa e xornalista de La Voz de Galicia, Xesús Fraga, e a ilustradora Laura Romero. Tamén se están a realizar actividades de promoción da literatura galega en colaboración coa Federación de Sociedades Gallegas de Argentina.
Visita institucional
Pola súa banda, o expositor institucional situado no recinto feiral está a ter unha intensa programación. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibe hoxe á embaixadora de España en Arxentina, María Jesús Alonso, e a Ezequiel Martínez, director da Feira do Libro de Bos Aires, que coñecerán as últimas novidades editoriais galegas. Ademais, a programación inclúe durante esta fin de semana distintas accións para todos os públicos, cun relatorio de narración con debuxo en directo así como diálogos cos autores e presentacións de publicacións con pase documental da obra Francisco Gil, o libreiro de Borges, de Xan Leira. O expositor de Galicia está a funcionar como espazo de intercambio profesional e tamén unha área promocional de 44 metros cadrados con máis dun cento de publicacións.
Encontro de referencia
Os creadores galegos teñen a oportunidade de dar a coñecer a súa obra na que é a feira máis concorrida no mundo de fala hispana. Cunha superficie de máis de 45.000 metros cadrados, esta cita do libro recibe a visita de máis dun millón de lectores e máis de 12.000 profesionais do libro durante as súas case tres semanas de duración.
A presenza de Galicia nesta feira internacional enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marcha pola Xunta a través do apoio á participación do sector editorial nas principais citas internacionais do libro. Este ano, ademais da presenza en Arxentina, Galicia tamén estivo presente na de Boloña e estará tamén en Frankfurt, en outubro, e na localidade mexicana de Guadalajara, en novembro.