Nova: O proxecto ‘Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega’ entra na súa segunda fase coa implementación dos primeiros prototipos
![](/sites/default/files/menu_icons_sxcultura/menu_icon_763.png)
18/05/2022
O proxecto ‘Nós de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega’ entra na súa segunda fase coa implementación dos primeiros prototipos
Inxéctanse 600.000 euros máis para levar a cabo seis das oito iniciativas previstas, centradas na síntese de voz, recoñecemento da fala, xeración automática de textos, sistemas de diálogo, tradución automática ou corrección e avaliación lingüística
Os investigadores crearán distintos recursos a disposición de todas as entidades interesadas e un banco de voces que contará coa participación da cidadanía
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2022.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asinaron hoxe o segundo convenio de colaboración co que o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial ao servizo da lingua galega entra na súa segunda fase grazas á nova inxección económica de máis de 600.000 euros. Este novo acordo permitirá que os investigadores avancen co traballo de campo, deseñen prototipos dos recursos, experimenten cos primeiros demostradores e creen bancos de voz a disposición de toda a cidadanía para facilitar que empresas empreguen o galego nas súas tecnoloxías, entre outras accións.
“A Xunta e a Universidade realizamos o ano pasado un traballo frutífero de colaboración que nos permitiu planificar as distintas fases deste proxecto pioneiro. Identificamos liñas estratéxicas a desenvolver nestes anos e tamén as iniciativas que sería preciso levar a cabo. Agora damos un paso máis facendo que o Proxecto Nós entre nunha nova fase na que poderemos comezar a visibilizar os primeiros avances”, expresou Román Rodríguez.
Deste xeito, o primeiro acordo asinado en 2021, dotado con 150.000 euros, permitiu definir tres liñas de traballo centradas na conversación oral e escrita con persoas, na calidade da lingua e xestión da información. Asociadas a elas identificáronse, ademais, oito subproxectos para desenvolver nos próximos anos. O acordo asinado hoxe permitirá levar a cabo os seis de maior impacto que se centrarán na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística. En paralelo, dará visibilidade ao traballo realizado na elaboración dos corpus lingüísticos e modelos de lingua e tamén se van implementar os prototipos de probas como o recoñecedor automático da fala, entre outros, e algúns deles presentaranse en congresos especializados.
Repositorios abertos con licenza libre
Os investigadores do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), ambos dependentes da Universidade de Santiago, crearán tamén recursos textuais e de voz que se porán a disposición de todas as entidades interesadas en repositorios abertos con licenza libre. Concretamente, crearanse un banco de voces da lingua galega, por medio dunha plataforma áxil e flexible que permitirá rexistrar voces que len texto controlado. A participación neste recurso será promocionada mediante unha campaña de difusión. Ao mesmo tempo se creará un corpus de voz, audio e texto aliñados, de utilidade para o recoñecemento da fala; un corpus de voz a escala web, de utilidade para todos os subproxectos textuais, e outros paralelos galego-castelán e galego-inglés, de utilidade para a tradución automática.
Como expresou Román Rodríguez, estas iniciativas non só serán de utilidade para acadar os obxectivos do Proxecto Nós, senón tamén “para implicar a toda sociedade galega nun proxecto de país como este, que nos permitirá chegar a onde o mercado non chega e que situará ao galego nas contornas dixitais”, indicou. De feito, ao estar dispoñibles en aberto, poderán servir para xerar modelos de lingua integrables en sistemas e aplicacións de empresas interesadas en utilizar o galego nas súas tecnoloxías. Tanto os demostradores como os corpus lingüísticos non serán produtos finais, pois continuarán a mellorarse en anos sucesivos con novos desenvolvementos e axustes.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sinalou que o Proxecto Nós é un paso máis no camiño da Intelixencia Artificial, unha tecnoloxía de futuro que suporá o 16% do PIB ata o 2030 e milleiros de empregos. Neste sentido destacou que Galicia foi das primeiras Comunidades en contar cunha Estratexia Galega de Intelixencia Artificial apoiada polo Sistema Universitario Galego, os investigadores e os centros tecnolóxicos e que está a desenvolver un Plan de adopción temperá desta tecnoloxía no sector público. Ademais a implantación da IA debe ir acompañada dun marco ético adecuado para o que a Administración autonómica está a traballar coas tres universidades galegas na elaboración do Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes.
Por outra banda, Mar Pereira destacou que Galicia estase a postular para acoller a sede da futura Axencia Española de Supervisión da IA para o que xa remitiu a solicitude ao Ministerio e destacou que Galicia estase a posicionar para ter voz propia na Europa dixital.
Este acordo supón seguir dando pasos no Proxecto Nós, que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€, o maior investimento directo na promoción do galego en toda a historia. Con esta renovada colaboración, a Xunta e a USC pretenden acadar unha ampla variedade de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que serán publicados en formato dixital baixo licenzas libres e a través de ferramentas con códigos abertos para ser empregados, libres e gratuitamente, en calquera tipo de soporte dixital polas diferentes institucións públicas, polos axentes que conforman o tecido económico empresarial e pola sociedade en xeral.