Nova: Román Rodríguez refírese á reforma integral da biblioteca municipal de Mos como exemplo do impulso da Xunta aos servizos culturais de proximidade

28/05/2022

Román Rodríguez refírese á reforma integral da biblioteca municipal de Mos como exemplo do impulso da Xunta aos servizos culturais de proximidade

Destínanse 250.000 euros para modernizar este centro, dotalo de medios tecnoló-xicos e implementar medidas para o aforro enerxético

Crearanse espazos infantís de lectura, unha sala de estudo, zonas de informática e audiovisuais e terá novo mobiliario e melloras na iluminación

Mos (Pontevedra), 28 de maio.- O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, asinaron un convenio de colaboración para a reforma integral da biblioteca municipal. Trátase, como dixo o titular de Cultura da Xunta, dunha actuación estratéxica para seguir impulsando os servizos culturais de proximidade e “facelo adaptándonos ás novas necesidades dos veciños para contar con sistema bibliotecario robusto e accesible”.

O convenio, dotado con 250.000 euros, permitirá unha modernización da biblioteca con recursos vinculados á innovación e dixitalización. Tamén se reforzará a sustentabilidade con medidas de aforro enerxético co uso de enerxías alternativas. “Con este convenio damos continuidade á estratexia da Xunta por dotar a Galicia dunha rede sólida de bibliotecas repartidas por todo o territorio, nas que buscamos mellorar os seus servizos e tamén a atención de proximidade”, expresou o conselleiro.

De feito, como recordou, a Xunta vén de aprobar o II Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia, a ferramenta posta a disposición dos concellos que amosa unha radiografía e permite facer diagnose. De xeito global identifícanse avances en eidos como as coleccións, os espazos para os públicos infantís ou as condicións de apertura. Entre as prioridades fixadas nesta nova folla de ruta inclúense as melloras de accesibilidade e a aposta pola dixitalización. Como engadiu Román Rodríguez, “a reforma integral da biblioteca de Mos permite dar resposta a estas necesidades e seguir dando pasos para adaptarse ao futuro”.

Deste xeito, está previsto que ao abeiro deste novo convenio a biblioteca de Mos transforme os seus espazos adaptándoos ás necesidades dos veciños, incluíndo unha zona infantil de lectura, unha sala de estudo, así como zonas de informática. Tamén se dotará de novo mobiliario que incluirá cadeiras e mesas ergonómicas para as zonas de estudo e adaptadas ás dimensións dos nenos. Ao mesmo tempo, mellorarase a iluminación individual das zonas de traballo, acondicionarase un espazo pechado de estudo así como a zona infantil con chan téxtil e teito acústico. Ademais, incluirase un novo sistema audiovisual con proxector e pantalla para presentacións e exposicións.

Cultura rural

A biblioteca municipal de Mos levará agora o nome de Biblioteca Municipal María Magdalena, na honra da poetisa moense María Magdalena Domínguez finada en 2021. Este centro é un referente para os habitantes tanto do Concello como dos concellos limítrofes ao dispor dunha base documental de máis de 22.100 exemplares. Ademais, neste edificio sitúase o único lugar con ordenadores de acceso gratuíto na zona, o que supón unha grande axuda para as persoas que non teñen dispoñibilidade de acceso á rede de internet nos seu fogares, tanto para adultos como para a mocidade que acode a realizar traballos escolares e tarefas de estudo.

 

Con esta actuación, o Goberno autonómico continua descentralizando a actividade cultural estendéndoa ao rural. Un aspecto que está a realizar a través de liñas de apoio para a mellora das infraestructuras culturais ou para os centros museísticos e mellora das coleccións bibliotecarias. Tamén coa posta en marcha de campañas arqueolóxicas para divulgar e conservar os achados ou coa nova creación do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a programación cultural no rural.

Comparte