Nova: A exposición de rúa coa que a Xunta celebra o centenario de María Casares chega a Ferrol

31/05/2022

A exposición de rúa coa que a Xunta celebra o centenario de María Casares chega a Ferrol

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, inauguran na praza da Constitución a mostra ‘100 % María Casares. O teatro é o refuxio’

Iniciada o pasado mes en Santiago de Compostela, permanecerá na cidade ferrolá ata 28 de xuño para logo continuar a itinerancia en Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense

A través dela achéganselle á cidadanía diferentes facetas da artista, cun percorrido pola súa traxectoria persoal e profesional

Ferrol, 31 de maio de 2022 O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, inauguraron hoxe na praza da Constitución ferrolá a exposición 100% María Casares. O teatro é o refuxio. Promovida polo Goberno galego no marco da conmemoración do centenario da actriz e comisariada por Arancha Estévez Lavandeira, a mostra itinerante poderá visitarse ata o 28 de xuño.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a relevancia do proxecto que divulga a figura de María Casares e do seu legado en todo o territorio galego. Segundo apuntou, a mostra concibiuse para a súa instalación nas rúas das principais cidades co obxectivo de chegar ao maior número posible de persoas. “Esta exposición e, en xeral, toda a programación do centenario de María Casares, representan unha oportunidade extraordinaria para afondar nas diferentes facetas que marcaron a traxectoria dunha actriz universal”, declarou.

A iniciativa artéllase arredor de cinco grandes paneis con forza visual situados en forma de estrela. Impresos por ambas caras, tratan diferentes temáticas arredor de María Casares, tanto de carácter persoal como profesional. Así, tras un primeiro panel introdutorio, abórdase a familia, a Segunda República e os primeiros lugares de residencia da actriz: A Coruña e Madrid. Tamén se afonda no exilio a París, na experiencia de María Casares na gran pantalla, na relación con Albert Camus e na súa entrega ao teatro.

O percorrido continúa pola madurez da artista, o seu retorno a España nos anos 70 e o seu legado e recoñecementos. O panel elixido como epílogo, Con Galicia quero estar en desorde…, céntrase na conversa de María Casares, dous anos antes da súa morte, co escritor e xornalista Manuel Rivas en París. 

Programación en distintas linguaxes

A exposición 100% María Casares. O teatro é o refuxio forma parte das numerosas iniciativas postas en marcha pola Xunta co gallo do centenario da actriz, e que inclúen exposicións, conferencias e proxectos escénicos e audiovisuais, entre outras propostas. No que vai de ano xa arrincou na Coruña o ciclo de conferencias María Casares. Do exilio ao escenario, que se está a desenvolver no Museo de Belas Artes, e a mostra María Casares, residente privilexiada, aberta na biblioteca da Xunta na Coruña con 200 fondos propios.

 

No eido das artes escénicas, a Xunta apoia o espectáculo Continente María, coproducido polo Centro Dramático Galego con Ainé Producións, A Quinta do Cuadrante e o Concello da Coruña. Estreado na cidade coruñesa no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a peza despediuse o pasado domingo do Salón Teatro de Santiago tras dúas semanas en cartel. Recentemente tamén se presentou o proxecto audiovisual María Casares. Voces para un centenario, materializado en colaboración coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).   

Tal e como explicou Anxo M. Lorenzo, as actividades previstas inclúen ademais “propostas dixitais e editoriais que, xunto ás expositivas, escénicas e audiovisuais, percorrerán a pegada histórica de Casares en diferentes plataformas e linguaxes”. Trátase de proxectos deseñados en colaboración con diversas entidades, como a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia ou o Instituto Cervantes, entre outras que permitirán estender a homenaxe máis aló de Galicia, con accións en Madrid e París.

Comparte