Nova: Galicia conmemora o aniversario de Rosalía
24/02/2015
Galicia conmemora o aniversario de Rosalía
O conselleiro de Cultura defende o uso cotián do galego e instou na súa intervención á promoción da lingua e da cultura galegas
Santiago, 24 de febreiro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, reclamou hoxe o uso da lingua galega en todos os ámbitos durante o acto central do 178 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Unha conmemoración celebrada cunha ofrenda floral diante do busto da poetisa no Paseo da Alameda compostelá. Ademais durante a celebración desta efeméride os alumnos do instituto santiagués que leva o nome da escritora leron os seus poemas e se interpretou o Himno de Galicia. Deste xeito a Consellería apoia esta homenaxe á ilustre autora neste día, declarado oficialmente como Día de Rosalía de Castro.
Durante a súa intervención nesta xornada o titular de Cultura e Educación subliñou que a obra rosaliana supuxo “o nacemento dun novo tempo para a lingua e a literatura de Galicia, xa que serviu para dignificar un idioma que ata daquela raramente excedera as temáticas humorística e costumista. Hoxe -engadiu- somos herdeiros do esforzo de moitas xeracións por poñer o noso idioma no lugar que merece e somos continuadores desa cadea”. Noutro momento do seu discurso Román Rodríguez afirmou que “ o compromiso coa lingua pasa polo seu uso cotiá e para esta tarefa contamos coa poboación mellor formada de toda a historia, xa que nunca antes tanta xente recibira formación de e en galego”. Para rematar, Rodríguez González gabou “a iniciativa dos nosos escritores actuais que animan a toda a sociedade galega a celebrar este día”, para o que o departamento que dirixe “insta á sociedade á promoción da lingua e da cultura galegas xa que todos somos partícipes da súa importancia”
No acto tamén estiveron presentes os alcaldes de Santiago e Padrón, Agustín Hernández e Antonio Fernández, respectivamente, ademais do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.