Nova: Silverio Rivas, Premio Laxeiro 2015
20/02/2015
Silverio Rivas, Premio Laxeiro 2015
Entre as súas importantes intervencións en espazos públicos atópase a Porta do Atlántico, en Vigo
Vigo, 20 de febreiro de 2015.- Vigo acolleu hoxe a entrega do galardón que a Fundación Laxeiro outorgou ao escultor de Ponteareas, Silverio Rivas, nun acto que contou co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, quen gabou do premiado a súa extensa obra e a achega que a mesma supón, desde o punto de vista cultural, para os espazos públicos galegos. Ademais Román Rodríguez destacou que a sólida traxectoria do premiado faino merecedor dun recoñecemento que constitúe todo un referente da nosa cultura.
O conselleiro, que aludiu ás catro décadas transcorridas dende a primeira exposición de Silverio Rivas como o camiño que forxou o seu talento ata traspasar fronteiras, tivo palabras para a vitalidade do artista e a súa conexión coa natureza e a paisaxe, a través dos materiais que emprega e do diálogo que establece co entorno que o rodea.
A Fundación Laxeiro vén outorgando esta distinción dende 2004 a unha persoa ou institución de probada solvencia na difusión e potenciación da cultura galega. A entrega do premio correu a cargo do presidente da Fundación e alcalde de Vigo, Abel Caballero. No acto tamén estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, ademais de persoeiros da cultura, a política e o mundo empresarial.
Traxectoria do galardoado
Silverio Rivas fórmase inicialmente como artista no taller de fundición de Xoan Piñeiro. Nos inicios dos anos setenta desprázase a Madrid, onde comeza a utilizar unha ampla variedade de materiais, dentro dunha vocación abstracta.
Entre 1976 e 1977 investiga sobre as posibilidades de ensamblaxe e articulacións da escultura cerámica no Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos. En 1979 inaugura o seu estudo en París no que mantén un posicionamento construtivista aplicado ao bronce mediante pezas articuladas. Durante os anos 1980 a 1983 participa nas exposicións colectivas que o grupo Atlántica realiza en Galicia e en diversas galerías europeas.
En 1986 regresa á súa terra e comeza a traballar a pedra, o mármore e especialmente o granito. Desde finais desta década e durante a dos anos noventa Rivas chega á súa madurez artística acadando un espazo entre os mellores escultores galegos do século XX. Son importantes algunhas das intervencións en espazos públicos como a "Porta do Atlántico", Vigo (1993).